Sermos monte comunal

Aprendín cedo significado ser dunha parroquia: gradecer o traballo de todas as comisións da veciñanza para levar o cemiterio, facer as festas, poñer a traída nas casas e coidar e administrar o monte comunal.

Falamos moitas veces, LV, dese sentimento de pertencermos a un pobo que nos invita por responsabilidade e deber, a dedicarlle tempo. Falamos da palabra militancia e militamos por unha palabra: Galiza; pola normalización da lingua e o dereito do pobo galego por alimentar a súa identidade, defender o seu territorio e contar a súa propia historia. Militamos por outra palabra, feminismo, para termos voz e voto noutros espazos, mudarmos os marcos, gañarmos en dereitos e sermos donas dos nosos corpos e vidas. Arrimábase o lombo e dábase o que se podía, daquela tratábase de xuntar, tamén cartos, e idear estratexias. En verdade, acreditabamos, por unha banda, que o pobo unido non podía ser vencido e, pola outra, que había que mudalo todo desde o feminismo.

Celebramos o cincuentenario do que sería o xermolo da Sociedade Cultural e Desportiva do Condado (SCD) en Salvaterra do Miño, esa unión de activistas do movemento veciñal organizada, e no 2022 o centenario dos sucesos de Sobredo en Guillarei, a unidade e organización das sociedades agrarias. Xa falamos disto máis dunha vez, querida LV, da relación entre o labor desenvolvido por esas asociacións agrarias, de hai máis de cen anos, co das asociacións culturais nacidas na década dos sesenta, con todo o traballo de conciencia política, do cultivo clandestino debaixo da palabra cultura. Por subscrición popular levantouse un monumento en Sobredo en 1932, a ditadura dinamitouno, o movemento veciñal unido volveu levantalo na década dos oitenta do século pasado, este feito lembrámolo cada ano.

A SCD do Condado visibilizou bandeira e lingua, e deu lugar á Xunta de Veciños do Condado (1977) que defendu o territorio contra todo como ficou reflectido na clandestina A Voz do Condado (1977-1979). Hai trinta e seis anos do I Festival da Poesía do Condado que visivilizou a poesía ao torreiro da festa, e aínda hoxe é o lugar onde moitas poetas recitan por vez primeira.

En 1983 naceu a revista Festa da Palabra Silenciada para lle dar voz e espazo ás escritoras, para visibilizar os libros que escribían, abrir novos temas de debate, para mostar o feminismo. Ao redor da Festa creouse un movemento poético que puxo en relación a todas as poetas, un diálogo que rachou coas xeracións.

Fálase moito estes días da obriga de cobrar como poeta para dignificar o traballo, curioso non tanto da escritora, (do poeta?). Nun tempo en que todo vai excesivamente rápido, en que o que ocorreu onte, hoxe xa é vello, semella que se esquece ou se descoñece de onde vimos. Só quero sinalar que é tamén grazas a quen quixo entrar no torreiro da festa hai máis de trinta anos e non cobrou, nin pasaba pola cabeza, nin había cartos, hoxe alguén xa cobra. Todo precisa o seu tempo. Non cobraban activistas culturais, o máis parecido ás programadoras de hoxe, nin poetas. Tampouco cobraron as colaboradoras da Festa da Palabra Silenciada e visibilizaron moitas poetas que hoxe son.

Prefiro lembrar o monte comunal ao que pertenzo, Sobredo e A Sega, onde ninguén cobra, e ser do público que agarda na cadeira polo poema e por cada poeta nova no torreiro da festa da palabra en Salvaterra.