En Tréveris, en Galiza

Vai para trinta anos que vivo o 25 de xullo entre Tréveris e Galiza, hoxe á beira da Mosela. Otero Pedraio sinalou que na Porta Nigra había sangue galego; o narrador obrigado a literaturizar a historia, procurou pola grandiosidade do monumento o lugar para a decapitación de Prisciliano e nacemento do símbolo. Trátase da única porta que se conserva, disque se salvou por estar pegada á torre onde se fechou un siciliano de Siracusa, o anacoreta, logo San Sim(e)ón. Mágoa que o autor de Fra Vernero non a coñecese, que nin pisase as catacumbas de Roma tan ben descritas na Romaría de Xelmírez, nin tripase as sebes que envolven o anfiteatro da cidade alemá, onde seica puido producirse a morte do herexe que relaciona priscilianismo con galeguismo e a Prisciliano con Compostela. Calquera persoa que lembre o emocionante Alba de Gloria de Castelao, vai ver como a procesión imaxinada desde o exilio, sitúa no inicio ao decapitado de Tréveris; calquera desas persoas, herdeiras da Xeración Nós, relaciona Tréveris e Galiza con Prisciliano, coma outras relacionan a cidade do Mosela con Marx. A cidadanía de Tréveris que sitúa o inicio do Camiño de Santiago na basílica de San Matias, nada sabe de Prisciliano e Galiza.

Ti mesma, benquerida LV, cando me fixeches chegar ao Galicien Zentrum da Universidade de Trier, cando vivía aquí, a novela Teoría de xogos, referícheste á cidade como ese lugar "onde non nos dan vencido". Podemos recomendar a lectura da obra de Vidal Bolaño As actas escuras. Coincidirás comigo que o que garda a tumba do apóstolo segue a ser un deses misterios dos que nacen historias ou motivos para ocultar quen somos.  

Dunha maneira ou doutra sempre celebrei este día en Tréveris, lembro unha vez, diante da Porta Nigra tirarmos unha foto coa bandeira, converténdonos en obxectivo dos turistas. Eramos un grupo diverso, tamén estaba o noso amigo, Carlos Bernárdez e unha amiga coreana, que despois iría ver, segundo ela, a tumba de Prisciliano. Neste momento testemuño como Norbert Weinhold lle vai poñendo o ramo á súa tradución ao alemán de Prisciliano en Tréveris de Millán Picouto. Este ano en que a túa palabra tomou a cidade de Compostela, pisando estrelas, serás lembrada polas túas amizades, sentirase a vosa ausencia na carballeira. Cada ano anotamos nomes para a Alba de Gloria, seres que nos reúnen na palabra: Galiza.

O VIII Premio Begoña Caamaño á acción cultural pola igualdade de xénero da Deputación da Coruña é para a amiga Encarna Otero, pola súa traxectoria, e para a Asociación Andar cos Tempos, pola re-visión e actualización da música tradicional galega. Os premios Alba Compostelá, que naceron para celebrar quen fai cidade (veciñanza), desde que Goretti Sanmartín é alcaldesa, este ano recoñeceron o labor de Concha Losada, Presidenta do Patronato do Museo do Pobo Galego, do comerciante Xaquín Mato, da catedrática da Facultade de Farmacia Mabel Loza e de Miguel Férnández, presidente do Foro Galego de Inmigración. Representan a Galiza que desexamos: Compromiso coa igualdade, coa identidade, co comercio de proximidade, cos dereitos da veciñanza que chegou de fóra, coa dignificación laboral e coa saúde pública.

En Tréveris, Galiza, desexamos camiñar por terras libradas do Courel a Compostela. Terras libradas da especulación, contra Altri. Desexamos, Terra librada en Palestina.