Toma de posición
Se eu fose votante do BNG sentiría un certo desacougo, a necesidade de peneirar fino para diferenciar a calidade do voto consciente dos momentos de crise daquel que, en momentos doces, acontece. Pero tamén sentiría esa harmonía entre acción e opinión que a política de esquerdas reclama e que é tan difícil concretar.
Se eu fose votante do BNG sentiría un certo desacougo, a necesidade de peneirar fino para diferenciar a calidade do voto consciente dos momentos de crise daquel que, en momentos doces, acontece. Pero tamén sentiría esa harmonía entre acción e opinión que a política de esquerdas reclama e que é tan difícil concretar. Sentiríame -con Esquerra como primeira forza en Catalunya e con Bildu como segunda en Euskalerria- parte da Galeuzca republicana, da paisaxe que quero labrar, a que me identifica aquén e alén e na que me podo relacionar cos máis. Aquén, porque foi o BNG quen polinizou todas as formacións que, en apariencia, son as súas competidoras. Porque foi o BNG quen tomou posición a prol da necesidade de institucionalizar a nación (sen necesidade de agardar por papeis), de dotala de mecanismo específicos e independentes de intervención social, económica e cultural –da CIG e até a AS-PG-, de lugares sen os que a esfera pública nin existiría. Mesmo para que teñan un aquel de críbel dereita e esquerda estatais que actúan en Galiza, é necesaria a presenza do BNG.
"Mentres a historia adoito avanza polas propostas minoritarias, o Poder neoliberal pon atrancos selectivos para que un país non atine co que lle interesa".
Mais no caos perfectamente planeado polos propagandistas do sistema, o BNG semella, mesmo botando man de interpretacións “aberrantes”, que fose declarado obxectivo a abater. E adoito estes think-tank elaboran unha sorte de manuais de axitación que teñen o seu maior rendemento ao aproveitaren “climas psico-sociais de incerteza”. Para a súa posta en escena utilizan determinadas voces brancas, algún que outro drom e unha presada de clixés como ese revello ideoloxema de que non é posíbel ser de esquerdas e nacionalista nunha mesma peza. Tal se a nación non fose, precisamente, esa realidade onde facer efectiva a igualdade como principio cidadá ou o locus onde decidir sobre a política como ben común, sobre os recursos enerxéticos e mineiros, sobre a educación, sobre o dereito a comunicar ... Por iso aledoume escoitar por boca da antiga dirixente do Bloque, candidata de Izquierda Unida/Anova, falar da necesidade dunha Banca Pública Galega, unha doa estruturante e imprencindíbel, que lanzou ao debate Xavier Vence cando se produciu o esfarelamento das Caixas e o aforro de varias xeracións.
E mentres a historia adoito avanza polas propostas minoritarias, o Poder neoliberal pon atrancos selectivos para que un país non atine co que lle interesa. Aínda que teño para min que pola primeira vez dende o abrazo en falso da así anomeada Transición, os pobos que deciden van ser unha das doas que articule o debate da calidade democrática tamén en Europa.