Dime con quen andas

O Congreso dos Deputados deu o visto e prace á modificación da lexislación laboral acordada entre o Goberno, a patronal, UXT e CCOO. Os apoios son diferentes á maioría progresista e nacionalista que posibilitou a chegada á presidencia de Pedro Sánchez. Neste caso, os parceiros do Executivo proceden das filas conservadoras, sumando a maiores de PSOE e Unidas Podemos, a Ciudadanos, a Coalición Canaria e un voto do PP, após os dous deputados de UPN saltarse a disciplina de voto do partido, cuxa cúpula decidira avalar a reforma.

O camiño para a validación desta nova normativa estivo empedrado pola adhesión de representantes dos grandes poderes económicos ou de significados think tank de orientación neoliberal. Nesta operación, Sánchez e a ministra de Traballo, Yolanda Díaz, contaron, entre outros, co apoio público da presidenta do Banco de Santander, Ana Patricia Botín.

As diversas familias da dereita que conviven no Partido Popular tamén expresaron a súa satisfacción coa normativa. Así, a Fundación de Análise e de Estudos Sociais (FAES), presidida por José María Aznar, sinalou que a reforma "nin é histórica, nin derroga a de 2012, consolídaa". Nunha mesma dirección a ministra de Traballo de Mariano Raxoi que impulsou a reforma laboral de 2012, Fátima Bañez, recoñeceu que "é unha vitoria das políticas do PP".

O acordo formaliza a idea dos socialistas de buscar os apoios no espazo do centro e da dereita, prescindindo das forzas nacionalistas. Ao tempo, escenifica a nova liña aberta por Unidas Podemos tras a marcha de Pablo Iglesias e a súa intención de buscar a beizón dos poderes do Estado.

É curioso como a reforma recibiu a luz verde das mesmas forzas políticas e sociais que no seu momento avalaron a Constitución de 1978, desde a patronal e a UCD na dereita, até UXT, COOO e o PCE na esquerda. Desbotárona, Martxelo e Vicent, aquelas organizacións que enfrontaron a constitución, os nacionalismos sindicais e políticos de Catalunya, Euskadi e Galiza. En definitiva, a alternativa de ruptura ficou reducida ás nacións sen Estado.