Enxeñaría contábel

Martxelo, Vicent, hai auténticas expertas e expertos en maquillar as contas. O presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, é un auténtico campión. O Goberno galego vén de presentar os orzamentos para 2022: “os máis altos da historia”, di. Mais as matemáticas desmontan o clásico lema e evidencian que aplicándolle a suba do Índice de Prezos de Consumo (IPC), os orzamentos de 2009 -os últimos do Goberno bipartito de PSOE e BNG- equivalerían hoxe a 13.322 millóns, é dicir, 1.695 millóns máis que as contas de 2022.

Dos orzamentos do ano que vén hai varias cuestións que resultan sorprendentes e que ispen un home ben visto polos medios progresistas españois. Comecemos pola sanidade. Como sabedes, a Atención Primaria sofre un desmantelamento brutal na Galiza. As esperas poden contarse por semanas e até este mes as consultan eran, na meirande parte das veces, telemáticas. As profesionais viven coa soga ao pescozo, con axendas de ao redor de 60 pacientes por día. O Goberno galego chegou a admitir o colapso da primeira porta de entrada das persoas ao servizo público de sanidade. Pois ben, aínda neste contexto, a Atención Primaria recibe 1.389 millóns de euros, unha cifra máis baixa que nas contas de 2021. De facermos a comparativa con 2009 e repercutindo o IPC, ficaría para o ano que vén con 230 millóns de euros menos que hai 12 anos. Iso si, Feixoo mantén os concertos coa sanidade privada en 127 millóns. Eis o progresismo do presidente da Xunta.

Tamén podemos referirnos á lingua galega. É tan progre o xefe do Executivo, quen, por certo, se subiu o soldo, como ao persoal eventual de gabinete, que lle dedica á lingua galega 3 millóns de euros menos que en 2021. As novas contas prevén 10 millóns fronte aos 13 do actual exercicio. De compararmos coas cifras de 2009 (tendo en conta o IPC), o galego tería 14,4 millóns menos. Esta partida nin sequera se molesta en maquillala. Máis unha mostra do autoodio que practica o Goberno de Feixoo malia que todos os datos, miren por onde se miren, advirten dun retroceso significativo na perda de falantes do idioma propio da Galiza.