Ser ou non ser

AGaliza política ferve neste frío comezo de novembro. O pasado sábado o PSdeG realizou as súas primarias, elixindo nun disputado proceso como secretario xeral a Valentín González Formoso, en substitución de Gonzalo Caballero, candidato do PSdeG á presidencia da Xunta da Galiza en xullo de 2020. González Formoso, alcalde do concello das Pontes e presidente da Deputación da Coruña, prepara unha viraxe de fondo na formación co obxectivo de sintonizar con aqueles votantes que abandonaron a formación socialdemócrata nas eleccións galegas.

Mañá, 6 de novembro, será a quenda do Bloque Nacionalista Galego, coa súa XVII Asemblea Nacional, co obxectivo declarado de aumentar a súa base social e de preparar a organización para gobernar a Galiza en tres anos. O conclave confirma na Executiva boa parte do equipo que dirixiu o BNG neste período e ratifica como voceira nacional a Ana Pontón, cuxa candidatura á Presidencia da Xunta nos vindeiros comicios se dá por feita. Precisamente, Pontón é unha das dirixentes políticas galegas mellor valoradas.

Unha alternativa na Galiza ao Partido Popular pasa inescusabelmente por un acordo entre nacionalistas e socialistas. Iso xa acontece en tres das catro deputacións galegas, en boa parte das cidades e en ducias de concellos. A propia experiencia da xestión en municipios e deputacións son a mellor mostra de que a alternativa é posíbel e da existencia dunha cultura de diálogo entre dúas formacións con proxectos políticos moi diferentes no plano estratéxico pero con coincidencias tácticas na urxencia de apartar das institucións o Partido Popular.

Do éxito do proceso de renovación do PSdeG e da Asemblea Nacional do BNG depende a alternativa a Feixoo na Galiza. Unha alternativa que é plural ou non será e cuxo eixo pasa por que ambas as dúas formacións cheguen aos próximos comicios galegos máis reforzadas, cun programa críbel, con liderados que sumen e coa vontade de levar adiante os cambios polos que a Galiza leva agardando desde 1936 e só aplicados, en parte, durante o Goberno bipartito do PSOE e do BNG de 2005 a 2009.