A escusa do eu

Estamos en pleno 8-M e en todo o mundo as mulleres e as organizacións feministas saímos á rúa para reivindicar, celebrar e amosar a necesidade de transformación das estruturas de poder en todas as sociedades. Hoxe serán visibles estatísticas, manifestacións, eventos e protestas. Máis invisible será, porén, o traballo colectivo tanxible e pesado que as fai posibles.

Cando falamos do traballo dos coidados, da sobrecarga laboral, dos efectos físicos psíquicos e sociais do patriarcado nas mulleres, a miúdo esquecemos a carga adicional que supón o activismo. Ningún espazo está vivo se non hai mans que o manteñan. No traballo colectivo, unha peza básica é facer aquilo ao que nos comprometemos dentro das organizacións ou movementos. Algo tan fundamental que semella imperceptible. Mais cando no canto desaparece, o resultado acaba sendo a sobrecarga dalgunhas pola inacción das outras. Na miña experiencia, sobre todo no traballo en Implicadas no Desenvolvemento, comprobei que a moita xente lle gusta poder participar dun espazo crítico, interseccional e de contacto coas nosas compañeiras do Sur. Menos gusta xa implicarse no día a día que o fai posible, e, unha vez dentro, asumir tarefas, por pequenas que sexan, e completalas en tempo e forma.

Igual que a cooperación feminista nunca consiste en "dar do que nos sobra", a creación de espazos de activismo implica dedicar un tempo que non nos sobra a ningunha, un tempo que se prioriza malia os imprevistos, as enfermidades, os traballos, os problemas. Ese é o primeiro paso transformador: non asumir que outras teñen máis tempo ca ti. O que non se sacha entre todas, abusa dalgunhas.

Así, os feminismos, na práctica, teñen que ser sempre un exercicio de empatía dende as cousas máis pequenas e prácticas. Un discurso arredado da escusa do eu ("eu non tiven tempo", "a min pasoume tal cousa", "o meu tema non se trata") para falar e actuar contra das estruturas, neste caso das que nos sobrecargan a todas. Porque os feminismos, dende dentro, son o contrario do discurso baleiro, o contrario do eu por enriba do resto. Porque para iso xa temos o patriarcado cada día tentando crear atrancos. Só superando o eu, o ego, o poñer o meu tempo por diante do das outras, chegaremos a un 8-M de celebración e reivindicación que non caia sempre nos mesmos ombreiros. Porque todos os ombreiros, todos os corpos e vidas son fundamentais para construír os nosos movementos.