Opinión

A lei e a xustiza

O veredicto está claro: a ocupación israelí dos Territorios Palestinos Ocupados é ilegal. Non facía falla ser a Corte Internacional de Xustiza para determinalo, pero a semana pasada coñeciamos unha pedra máis na longa lista de decisións de organismos vinculados ás Nacións Unidas que se poñen a carón de Palestina. Que as Nacións Unidas son unha organización criticable é algo que está fóra de toda dúbida, mais nun tempo no que vemos dobres varas de medir, respostas timoratas, xente que se dedica a repintar murais (aconteceu en Lugo a semana pasada tamén) para borrar o nome de Palestina, difusión de discurso de odio facendo uso do homonacionalismo e da islamofobia por enriba dos dereitos humanos máis básicos, debemos valorar o seu traballo con xustiza.

Para as persoas que dun xeito ou doutro traballamos en situacións de empobrecemento e conflito nalgún momento, sabemos que as Nacións Unidas son moita burocracia, baixa efectividade e procesos de lonxitude e dificultade innecesaria. Tamén, non o imos esquecer, un campo de cultivo para o abuso (penso na violencia sexual dos cascos azuis ou no escandaloso despregue da Minusta en Haití dende hai décadas).

Mais as Nacións Unidas son tamén un espazo para a articulación de dereitos a nivel internacional que crean poderosos antecedentes. Falo, por exemplo, da inclusión da violencia de xénero como violación dos dereitos humanos, algo que conseguiu co traballo das organizacións feministas dos países do sur, teimudas e coa vista no importante.

Nese contexto, o ditame non vinculante da Corte establece un listado das políticas do goberno de Israel como ilegais, dende os asentamentos ao uso de recursos naturais, a anexión e imposición de control sobre terras e as políticas discriminatorias contra as persoas palestinas. A Corte fala especificamente do dereito do pobo palestino á autodeterminación, ademais de cominar os demais países a non apoiar a Israel nas súas accións criminais. “Os asentamentos israelís nos Territorios Palestinos Ocupados e o réxime a eles asociado foi establecido e segue a manterse en clara infracción do dereito internacional”, reafirmou a Corte.

O que estableceu a Corte pode que non sexa lei, mais si é xustiza. A xustiza que non pode aturar un día máis de xenocidio contra un pobo que leva xa demasiadas décadas para saír da distopía apocalíptica que dende o ano 1964 outros coas súas decisións o obrigaron a vivir.

Comentarios