Benestar de quen?

Se alguén quere obter un sentido das relacións coloniais que aínda imperan na actualidade non ten máis que botar un ollo ao tema migratorio. Resulta un espectáculo realmente vergoñento comprobar como os gobernos dos países do norte pensan que poden ir dando leccións sobre como xestionar unha situación que nace da explotación e da criminalización dos seus efectos secundarios.

Non fai falla ser mente privilexiada para caer na conta de que se hai un influxo de persoas que arriscan a vida, que se poñen en situación de seren violadas, explotadas e tratadas, non é por gusto. Cando as condicións de vida no lugar onde nacemos non son axeitadas, cando non hai que comer, nin seguridade económica nin social, o lóxico é tentar procurar unha vida mellor noutro lugar. Xa que podemos dicir das situacións de fame extrema, guerra ou xenocidio que se dan para o beneficio das nosas sociedades.

Fai falla ter moito papo para o presidente español se pasear por Mozambique, Senegal e Gambia e falar da migración como un problema para logo reafirmar que se precisan 300.000 "traballadores migrantes ao ano" para manter o "estado de benestar". Benestar de quen?, non pode unha deixar de preguntarse. Porque se aos países como o Estado español e outros lles interesase realmente o Estado de benestar das persoas que se ven obrigadas a migrar, no canto de ir aos seus países dar leccións do sen sentido, traballarían para crear unhas condicións de vida máis xustas a nivel planetario nas que miles de persoas non se visen avogadas a morrer no Mediterráneo, nos centros de internamento e nas cadeas. Porque se aos países coma o Estado español lles interesase o benestar das persoas que se ven obrigadas a migrar, todas as instancias públicas impedirían o discurso de odio contra quen vén de fóra e contra as que nacen acó sen cumprir co estereotipo branco cristián español de base.

O discurso de odio contra as persoas migrantes, que se ceba con especial dureza nas e nos menores, ten como base unha falla de empatía e unha carencia de interese pola vida allea. Porque cando "nós" migrabamos, galegas e españolas polo mundo, semella que era en condicións diferentes nesa retórica racista da nosa excepcionalidade. Mentres non recoñezamos que esa experiencia ten que ser revisada dende a empatía, seguiremos avanzando no benestar das empresas, gobernos e sociedades explotadoras (as nosas) fronte ao benestar de todas as persoas.