Complementariedade indivisible

Estamos a piques de rematar xuño, o mes do chamado "orgullo" e resulta vital non perder de vista a importancia de seguir reivindicando a igualdade de dereitos. Mais o programa político dos movementos LGBTQ+ ten que ir para alén diso.

O avance da extrema dereita en toda Europa, é dicir, nas nosas comunidades, é un elemento que debe darnos moito que pensar sobre as cousas que asumimos ata o de agora como evidencias e que son sempre resultados dun traballo. E falo sobre todo do feito de podernos denominar publicamente lesbianas gais bisexuais trans non binaries queer. Un paso que aínda é moi difícil para moites.

Cando pensamos na evolución da sociedade galega cómpre non perder de vista os seus puntos escuros: o bullying, o discurso de odio, as agresións (e penso na lamentable pintada na sede de Avante en Vigo ou a oposición á bandeira do arco da vella en certos centros de ensino). A cruzada contra as persoas trans e non binarias é boa mostra de como o sistema deglute aqueles elementos que lle parecen máis xeitosos, modositos e fáciles de acomodar e cuspe e trousa aqueloutros que implican a destrución absoluta do sistema. Porque pensar nos corpos trans implica pensar nos corpos cis, nos construtos de elementos das identidades hexemónicas que non queremos que se toquen porque nos provoca inseguridade. Elementos que logo proxectamos con violencia sobre persoas que o único que fan é existir.

Nos feminismos sabemos moito destes procesos, de como só certos elementos dun discurso e práctica transformadora (a igualdade salarial, o reparto de tarefas nos fogares) son deglutidos polos sistemas para deixalos tal cal estaban. Sabemos tamén das complexidades de navegar esas tensións e de poñernos sempre no lugar máis afastado do centro, sexa dende o punto de vista da orientación sexual, identidade de xénero, racialización, estado migratorio, orixe, lingua, discapacidade. Calquera que defenda un feminismo excluínte doutros eixos de intersección fóra do "xénero feminino" está claro que quedou noutra época e que non se moveu dun centro ao cal os feminismos nunca poden pertencer.

Os movementos feministas e LGBTQ+ deben ir sempre da man porque o cisheteropatriarcado racista capitalista é un sistema que non pode destruírse por parroquias, senón a través dun esforzo combinado e complementario de teorías e prácticas que ataquen a súa cerna. Nese traballo, non sobra ninguén.