Coñecer as consecuencias

O pasado sábado, mentres no Estado español se informaba do asasinato de catro mulleres e dúas crianzas, mentres en Compostela se preparaba a cadea humana contra Altri, eu estaba en Tui acompañando as persoas que se reuniran convocadas pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Baixo Miño, O Condado e A Louriña e outras asociacións da Memoria Histórica. Facíanse vinte e cinco anos da instalación da impresionante escultura de granito vermello realizada por Silverio Rivas nun lugar infame polo que hoxe a maioría pasea sen coñecer, seguramente, o que significou. O traballo das Asociacións da Memoria Histórica, dos proxectos de investigación, do activismo público e privado para recuperar o recordo do horror dunha guerra iniciada polo golpe de Estado do 36 e corenta anos de ditadura posterior, son dun mérito irrepetible.

Estamos falando dunha historia silenciada a conciencia, de netas que descoñecen onde foron desbotadas as súas avoas, coma refugallo, simplemente por defenderen a educación, a igualdade das mulleres, o respecto para todas as persoas. Desvincular o noso presente dese pasado é un camiño marcado e intereseiro por quen estivo e segue estando no poder nun país onde non houbo verdadeira xustiza nin reparación.

Nese sábado de verán no que a violencia machista actuaba e a sociedade galega se organizaba para defender o medio natural, cómpre lembrar que o que algúns partidos e parte do discurso social pretende revivir é un réxime onde os asasinos de mulleres tiñan o poder para facer a lei á súa medida. Que eses que hoxe a sociedade aínda tolera, mais tamén persegue grazas ao traballo dos feminismos, cheguen ao poder terá consecuencias irreversibles para toda a sociedade. Que os que pensan que o medio natural é só "medio" para conseguir cartos e volvan ter na súa man a propiedade de todo, como acontecía no Franquismo, agoira sen dúbida o peor para a supervivencia do ser humano.

Por iso é tan importante conectar a historia que tanto interese teñen algúns en silenciar co que acontece agora mesmo, aquí ao carón, e comezar a tomar medidas serias contra a difusión do discurso da extrema dereita nun país onde deberiamos saber perfectamente das súas consecuencias. Abonda con achegarse e escoitar o traballo incesante das persoas que recuperan a memoria e a dignidade das asasinadas, violadas, represaliadas no pasado que non conseguirán que esquezamos no presente.