Os remuíños

Os ríos teñen os seus remuíños. Tamén o mar pode enguedellarnos coas súas correntes. Os seres humanos, tan pouco anfibios, temos medo da profundidade da auga, da resaca do mar. Mais coa forza do río Ulla a discorrer ata a ría de Arousa, o pasado domingo en Palas de Rei a mobilización convocada pola Plataforma Ulloa Viva arrastrounos coa mesma potencia a augas profundas. E aí non tivemos medo.

Tivemos alegría, tivemos rebeldía e tivemos os azos de estar onde se debe. Porque, como xa comentei noutra ocasión, non podemos deixar que o discurso do "atraso" enmascare as políticas de agresión á vida no rural (falla de servizos públicos, imaxinario lamentable) e moito menos podemos deixar que as persoas que viven nos territorios máis vulnerables ou ameazados fiquen soas ante o monstruoso poder das empresas e os seus aliados gobernamentais. Os que apoian e os que van de "neutrais". Non hai neutralidade que valla ante a forza da auga que queren agredir. Unha auga que nin sequera é nosa, dos seres humanos, senón que pertence a seres vivos que nin votan nin poden berrar. Pero para iso estamos as persoas.

As instancias políticas e toda a sociedade debemos deixar atrás o discurso de que o rural está "morto" ou "baleirado", como din modernamente no Estado español. A mobilización de Palas desta pasada fin de semana uniu territorios moi diversos de todas as provincias nunha única verdade: son lugares onde non só hai vida, actividade económica respectuosa co medio e coas persoas senón tamén rebeldía e capacidade organizativa. Porque o que se viviu en Palas, igual ca os remuíños, precisa dunha enerxía e capacidade de mobilización que as mulleres que levan a Plataforma representan de xeito exemplar. Elas deben ser as nosas referentes, deben ser o remuíño que nos siga arrastrando polo camiño dun futuro digno.

Xuntas conseguiremos que o remuíño do río Ulla chegue dende Palas ata a Arousa pasando por Agolada (onde Altri quere botar os residuos da macrocelulosa) e toda Galicia para non só defender o noso territorio, senón tamén para pensarmos máis alá en conexión. Porque mentres non haxa unha redución do consumo (cómpre lembrar que todas as persoas usamos produtos da celulosa) pode que deteñamos a ameaza para a Ulloa, pero esta será simplemente desprazada a outro lugar. E se algo nos ensinan os remuíños é que, unha vez neles, hai que deixarse arrastrar pola corrente correcta sen ir xa máis a ceacú.