Referentes e aspirantes

O mes pasado celebrouse en Palma de Mallorca o Galeusca, no que participei nun panel sobre tradución. A miña intervención centrouse nunha cuestión sobre a que teño reflexionado abondo tanto como teórica da tradución, como en calidade de tradutora e autora: a necesidade dunha visión crítica con respecto ao castelán como lingua intermediaria nos nosos procesos de chamada "internacionalización".

A idea de "internacionalizar" entendida como un xeito de facer entrar a nosa literatura en sistemas hexemónicos parte dunha visión que reafirma a nosa subalternidade. Partindo da base de que todas as traducións a calquera lingua son importantes, o lóxico sería que a nosa procura activa (das institucións, autoras e outros axentes) se centrase na conexión con sistemas e lugares onde haxa un interese xenuíno e unha certa afinidade coas condicións marco e a diversidade da literatura galega.

Por desgraza, aos sistemas hexemónicos interesan de xeito paradoxal ou ben produtos de masas ou exotizantes (e isto non é unha crítica para nada ás obras que se traducen ao castelán, pois o problema é da parte que as recibe). E niso están no seu dereito, por moito que esta circunstancia actúe a miúdo como atranco para chegar a outros lugares.

Mais o que xa ten que darnos moito que pensar é que estas lóxicas as asumamos internamente. Por exemplo, reincidindo nós mesmas en citar referentes homes en castelán cando se nos pregunta (un exemplo recente témolo nas enquisas para redes que fixeron dende a Selic). Citar certos referentes e non outras é un acto político de magnitude. As teorías feministas, os movementos LGBT ensínannos a importancia de termos referentes propias, as nosas propias xenealoxías.

E xa non vou comentar moito máis que estupefacción ante a tendencia crecente de autorxs que parecen buscar máis o beneplácito de Madrid que a construción dun sistema propio. Mentres unhas traballamos para que as mozas castelanizadas entendan a importancia de escribir en galego porque temos o público preto, outras insisten en pasar ao hexemónico coma se fose inocuo. E é curioso que precisamente as únicas voces galegas que realmente teñen éxito alén das nosas fronteiras (penso en Rivas, de Toro, Costas ou Castaño) son aquelas que non renuncian ao valor básico de escribir primeiro e ante todo en e dende o galego. Porque na pugna entre sermos referentes ou aspirantes vainos a supervivencia colectiva.