Opinión

Eu tamén abortei

A historia repítese como case sempre. Ocupo as rúas que nos 80 ocupaba miña nai, esa que me pareu e escolleu ser nai levantando as mans en triángulo con forma de vaxina e berrando aborto libre e gratuíto. A miña nai lilá, sempre libre e fermosa. 

A historia repítese como case sempre. Ocupo as rúas que nos 80 ocupaba miña nai, esa que me pareu e escolleu ser nai levantando as mans en triángulo con forma de vaxina e berrando aborto libre e gratuíto. A miña nai lilá, sempre libre e fermosa. 

"Ocupo as rúas que nos 80 ocupaba miña nai, esa que me pareu e escolleu ser nai levantando as mans en triángulo con forma de vaxina e berrando aborto libre e gratuíto".

Afortunadamente, no seu caso foi unha escolla. Decidiu que ademais de ser muller tamén quería ser nai, pero non sinteu esa obriga en ningún momento. Supoño que esa liberdade de escolla foi a que tamén lle permiteu educar as súas crianzas nos valores da liberdade, a autonomía persoal, a xustiza social e incluso  nos empurrou a soñar con “Il y avait un jardin” de George Mustaki.

Hoxe penso nela e en todas esas mulleres que durante a transición saíron ás rúas e gañándolle unha volta máis a guerra ao medo, ao sistema heteropatriarcal e ao Estado tutor, non permitiron que ninguén se apropiara dos seus corpos, da súa sexualidade e das súas vidas.

A carraxe invádeme. Asústame o medo a perder dereitos nos eidos de autonomía persoal. Avergóñame que un “señor” que algún día foi o icono do “centro dereita” progresista deste Estado español de pandeireta, teña a capacidade de dicirme se podo ou non ser nai e de que xeito o vou ter que facer. Aniquila o dereito a decidir da muller para outorgarllo á “vida do concebido”.

Mire vostede, señor Gallardón: primeiramente, como muller, non consinto que ningún home me dea leccións acerca de como ser muller. Moito menos que asegure que ser nai é o obxetivo todas esas persoas que temos a capacidade biolóxica de enxendrar e parir un pícaro ou unha pícara. A súa incultura é case tan grande como o seu autoritarismo e a súas absoluta falta de vergoña.  

Ser muller pouco ten que ver coa maternidade. Iso é ser nai.  Nin todas as mulleres queremos ser nais nin todas as mulleres podemos ser nais. “O ser humano, como ben dicía Emilia Pardo Bazán,  non é unha árbore de froita que só se cultiva pola colleita”. Nós, as mulleres cultivámonos corpo e mente os 365 días do ano, por iso non precisamos que ninguén decida por nós sobre os nosos corpos, a nosa sexualidade ou as nosas maneiras de vivir e relacionarnos. Non somos máquinas de parir ás ordes do patrón e moito menos ás súas ordes, ás do partido que representa e as da Igrexa, que tanto lle gusta. 

Entristéceme seguir a berrar: Nós parimos, nós decidimos!    O aborto non é ningunha tontería. A vida tampouco, así que paren xa de apropiarse de algo que non lles corresponde e deixen que as mulleres decidamos libremente. 

A ningunha muller lle gusta abortar. Simplemente é unha elección que se realiza sopesando multiples variables relacionadas coa súa vida e os seus desexos persoais. A ningunha muller lle gusta someterse a unha intervención cirúrxica. Iso dá medo. Tampouco é doado psicoloxicamente para a muller afrontar a situación emocional de ter que tomar unha decisión desa altura. Pero a muller dando unha vez máis mostra da súa madurez toma esa decisión, con 15 ou con 52 anos. Moitas veces incluso caendo na estigmatización por culpa da moral autodestructiva e culpabilizadora xudeo cristiá da que vostedes ben saben botar man. Gustaríame a min ver a máis dun nesa situación. Pero non se preocupen, dos malos momentos,  dos choros e dos coidados que precisa unha muller que aborta, xa nos ocupamos nós, as compañeiras, porque iso implica que tamén nos preocupamos da súa saúde integral. Da nosa saúde integral. Da saúde da muller.  Aquí prefiro non facer comparacións porque sería irrisorio, avergoñante e lamentable para o seu partido.

Tal é como o aborto non é un xogo, a democracia tampouco o é. Non consiste en ter un cuarto porcento dos votos dun Estado e facer e desfacer leis ao seu antollo. A sociedade non é vostede e vostede non representa a toda a sociedade. Pregunte antes de facer o paiaso e non leve ás mulleres á época de Franco, porque non llo imos consentir por unha sinxela razón: as mulleres que defendemos o aborto libre e gratuíto non obrigamos a ninguén a abosrtar. Incluso moitas de nós cecais nunca abortariamos. Vostedes pola contra elimínan un dereito conseguido despois de moitos anos de loita polas mulleres e obríganos a parir.

A súa nova lei do aborto o único que pón de manifesto é a sua misoxinia e o pouco que lle importa por en risco a vida de moitas mulleres levándonos, no caso de querer abortar, ao ámbito da clandestinidade e ilegalidade. Xoga coa nosa saúde ou obríganos a marchar fora do Estado para realizar esta práctica. As que foron a Londres polas que terán que ir.  Conte isto en Europa, xa verá como se afianza a marca España! 

"Non somos máquinas de parir ás ordes do patrón e moito menos ás súas ordes, ás do partido que representa e as da Igrexa, que tanto lle gusta". 

Resúltame tremendamente curioso, como na súa nova lei contempla soamente dous supostos para poder abortar. Un deles é caso de violación. Vostede sabe que o maior número de violacións que se producen neste Estado danse dentro do ámbito da parella? Pretende que unha muller violada pola súa parella vaia pór unha denuncia e despois de sete días de reflexión aborte? Un claro exemplo de como perpetuar a violencia machista sobre os nosos corpos. Un claro exemplo de que vostede non é muller e non sabe o que implica sufrir violencia de xénero ou calquera outro tipo de agresión machista ou de dominación. 

O segundo suposto fala de pór en risco a saúde fisica ou psiquica tendo que ser garantido por dúas especialistas que non realicen a intervención ou a malformación fetal que poida crear estas circuntancias na muller preñada. Todo o que non é bo trato é mal trato. Todo o que non queremos é mal trato, todo o que nós non decidimos e se nos impón é mal trato. Verdadeiramente é necesario ter que estar realmente mal para poder abortar e non empregar pola contra, medicina preventiva que impida que a muller chegue a eses límites vitais, en moitos casos irrecuperables? Tampouco me queda moi claro o da malformación do feto. Onde pón vostede o límite dun feto malformado non soportable por unha nai? Sempre fomos coidadoras de pais, nais, fillos, fillas, maridos... Ao mellor xa non nos apetece seguir coidando. Deixarán vostedes os seus empregos para adicarlle todo o tempo  a un pícaro ou pícara dependente que non contará con axudas do Estado da Lei de Dependencia para o resto das súas vidas? Aquí non só xogamos novamente coa saúde da muller se non que volvémola meter na casa ocupando a súa función tradicional de coidadora e xogamos tamén cunha nova vida que non sabemos que pode ser dela nun futuro. Síntoo, pero eu non creo en que o sufrimento na terra vaia redimir os meus pecados. 

Se teño que pecar, pecarei aquí. Se teño que berrar contra esta lei até o final, fareino aquí. No seu día foron moitras outras as mulleres que o fixeron e hoxe somos de novo moitas as compañeiras que dicimos NON á nova lei do aborto.  Como dixo Gary Wills, “o radicalismo de onte convértese no sentido común de hoxe”. 

Vostedes teñen a posibilidade de modificar a lei, pero nós somos o pobo e non consentiremos un paso atras na defensa dos nosos corpos. Nós parimos, nós decidimos! 
 

Comentarios