Por unha AP-9 galega e libre de peaxes

A única autoestrada que une as dúas cidades máis populosas e  os tres aeroportos, a vía que vertebra o eixo atlántico, con 70% da poboación de Galiza, e que non conta con outras vías alternativas debería ser unha vía libre de peaxe. E así estaba para ser no 2012, mais o goberno de Adolfo Suárez ampliou o prazo un ano máis; o de Felipe González, dez anos máis, ata o 2023, e o de Aznar concedeu unha prórroga de 25 anos, até o 2048. A situación foi tan manifestamente ilegal que a Comisión Europea abriu un procedemento de infracción contra España por incumprimento da normativa da UE pola prórroga e modificación do contrato de concesión. 

Goberne quen goberne en Madrid, sempre o fai contra os intereses e todas nós. 

Sería de esperar que o Goberno do PSOE aproveitase para anular a prórroga de 25 anos que aprobou no ano 2000 ese goberno do PP, que asumise a xestión directa da autoestrada e a supresión das peaxes e impulsase a transferencia a Galiza. Semella unha cuestión de xustiza –e tamén de "ter palabra"– despois de terse aprobado cinco veces no Parlamento de Galiza e terse tomado en consideración tres veces no Congreso dos Deputados en Madrid. 

Mais os argumentos utilizados no seu momento polo PP son repetidos agora polo PSOE nun xeito de actuar mimético. Di o ministro Óscar Puente que o custo do rescate é de 4.000 millóns de euros (días despois xa dixo 6.000 millóns) e pregúntase: quen ten cartos para pagar iso? Pois que vaia á saca onde estaban os cartos para pagar as radiais madrileñas, rescatadas con miles de millóns de euros de todas nós. Seguro que hai algún sitio do que se poden ir aforrando cartos: seica imos subministrar armas a Ucraína por valor de máis de 1.100 millóns. Poderiamos comezar por aí e apostar pola paz e pola vía diplomática para resolver o conflito. 

Se finalmente se consegue a traspaso e temos unha AP-9 galega e libre de peaxes, a Xunta poderá presumir da primeira nova competencia desde o 2009.