Festexando a literatura

Mañá seremos millentas as que reivindicaremos nas rúas de Compostela un galego vivo como xeito de garantir unha Galiza con futuro. É facémolo no Día das Letras Galegas dedicadas neste 2024 a Luísa Villalta, a escritora que tocou todos os xéneros, a que deixou escrito: 

Así vou eu
formando parte
Non me abandono e formo parte.

Luísa Villalta, facendo parte da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, dos movementos culturais, do tecido cívico de denuncia da expulsión das máis febles da cidade. A que se mobilizou contra o derrubo do asilo, con Manuel María e Xurxo Souto, a que alzou a voz contra a prohibición de atracar os barcos de pesca na dársena da Mariña con Lino Braxe e Fernán-Vello, a que non faltaba ao chamado da AC Alexandre Bóveda no Día da Galiza Mártir, a que estaba sempre disposta a colaborar coa Marcha Mundial das Mulleres, a que escribiu un poemario completo para as fotos de Maribel Longueira que contaban o final do Papagaio, que era un xeito de contar a cidade enteira.

Que este 17  de maio sexa de reivindicación e de homenaxe á nosa literatura. Mercade libros en galego, esixide na vosa libraría visibilidade para o libro galego, agasallade literatura galega. E lembrade que non hai mellor homenaxe a unha escritora, a un escritor, que ler a súa obra, lembrar o seu pensamento e o que deixou escrito, desde ese "A forza do noso amor non pode ser inútil" de Novoneyra até as palabras de Carvalho Calero referidas á lingua galega "porque a historia debe ser rectificada, cómpre rectificarmos a historia", ou as de Celso Emilio, "lingua proletaria do meu pobo, eu fáloa porque si...".

Quero rematar cunhas palabras doutros dos grandes escritores galegos non suficientemente lembrado, Jenaro Marinhas del Valle:

"Como unha árbore ha ser a nosa galeguidade. Raíces afincadas, profundando, se alimentando na propia terra; máis coa fronda ao ar, acollendo todos os ventos do mundo, prodigando sombra e froito a todos os homes [a todas as mulleres engadiriamos nós] do mundo".