Galiza con voz propia en Europa

Lendo a prensa convencional resulta difícil saber o que se xoga Galiza nestas eleccións europeas e se somos das que lemos a publicidade que nos chega á casa das forzas políticas españolas, a palabra Galiza/Galicia é ben difícil de atopar. Mais para nós, galegas e galegos, estas eleccións TAMÉN son transcendentais. Sono porque somos cidadáns do mundo e queremos unha Europa que contribúa á creación dunha sociedade realmente xusta que defenda os dereitos humanos, a igualdade entre os pobos, que se erga contra calquera xeito de discriminación, que pule pola integración das persoas migrantes, que garanta o dereito de asilo, que non bote fóra os desherdados do mundo que foxen das guerras ou da pobreza, que alce a voz contra o belicismo que nos invade, que esixa que remate o xenocidio do pobo palestino. 

Son transcendentais porque vivimos nesta terra chamada Galiza e sabemos que a Unión Europea é xorda aos intereses do noso país. Desde sempre, desde que se chamaba Mercado Común Europeo, quizais porque os mercaderes aí seguen dirixindo e impoñendo políticas antisociais contrarias aos intereses das clases populares galegas. Só temos que pensar o que significou a entrada na UE para o sector primario galego. Seica era propio de países atrasados ter tanta xente traballando no mar ou no campo. E prohibiuse o aumento das nosas explotacións e hoxe seguimos tendo que defender a nosa capacidade produtiva e temos que seguir denunciando que precisamos políticas agrarias propias en función dos nosos recursos que garantan a estabilidade para o sector agrogandeiro mais tamén a nosa soberanía alimentaria. E se fixamos a vista na pesca, a situación é moi semellante. Cando nos meteron na UE, Galiza era a primeira potencia pesqueira, hoxe ese posto ocúpao Dinamarca, por iso precisamos unha voz galega en Europa que esixa que Galiza sexa considerada zona altamente dependente da pesca. E tamén tocará erguer a voz en Europa contra o espolio enerxético e as industrias depredadoras e contaminantes.