A loita do pobo saharauí

Na semana pasada a Agrupación Astronómica Coruñesa Ío realizou varias actividades de divulgación astronómica en colaboración co proxecto Amanar-GalileoMobile que comprenden accións de formación e de divulgación astronómica nos campamentos de refuxiados e que amosan unha nova mirada sobre a causa do pobo saharauí.

Hai case 50 anos, en 1975, realízanse negociacións en Alxer entre o Goberno español e a Fronte Polisario para unha saída que levara á independencia desa "provincia española". Logo, o Sáhara Occidental foi ocupado ilegalmente por Marrocos e o Estado español deixou abandonado a todo un pobo, por certo con moitos dos seus habitantes con DNI español, por iso, e porque é de xustiza, cómpre manter na nosa cabeza e no noso corazón un espazo a prol da loita do pobo saharauí.

En 1991 o Consello de Seguridade da ONU aceptou un pacto entre as partes e acordouse realizar o Referendo do Sáhara Occidental, unha consulta na que a poboación elixira entre a independencia ou a integración en Marrocos. Trinta e tres anos despois, o referendo segue sen levarse a cabo.

Marrocos constrúe un muro para evitar o regreso da poboación refuxiada, espolia os recursos do pobo saharauí nos territorios ocupados do Sáhara Occidental, endurece a súa negativa a recoñecer o dereito á autodeterminación saharauí e todo iso con total impunidade. Debemos saber que o Estado español é culpable desa situación consentindo que Marrocos incumpra as resolucións internacionais ocupando de forma ilexítima o territorio saharauí. A principal fortaleza de Marrocos foi sempre a súa alianza cos Estados Unidos mais agora éo tamén, cos acordos asinados polo Goberno do PSOE, co Estado español e con Francia.

Cómpre que manteñamos, con toda a forza da que sexamos capaces, un chamamento que ofreza garantías democráticas ao Sáhara Occidental, cunha condena enérxica da ocupación marroquí, que nos leve a unha solución internacional que recoñeza o Sáhara Occidental e o seu dereito de autodeterminación e á independencia.