Pobo organizado

"Hai que parar a deriva ambientalista radical", dicía en campaña Millán Mon, o candidato do Partido Popular. 

Pois nós sabemos que cómpre ser radicais en defensa da vida e do futuro, en defensa das reivindicacións históricas que foron e son ferramentas para construír un mundo mellor, en defensa do feminismo, da paz, da loita contra as desigualdades, contra a xenofobia, a loita contra a pobreza.

Hai que ser radical hoxe fronte á barbarie e fronte a aqueles que o queren todo e non deixan nada. Ser radical contra a cobiza. Dicíao David Fernández hai uns días na AC Alexandre Bóveda: "Nunca tan poucos roubaron tanto en tan pouco tempo", e engadía, "coa indiferenza de moitos".  E é esta parte final a que nos interpela, a que nos pregunta que estamos facendo? Estamos alzando a voz? Estámonos organizando? Lois Pereiro dicía "que a vida non me sorprenda xamais desprevido calado e neutral" porque se estamos caladas consentimos a depredación do territorio, o racismo, o machismo, o aumento da pobreza ou o xenocidio en Palestina.

Precisamos ser teimudas con coraxe e tamén, cando cómpre, con carraxe. Fronte á despolitización e á ruptura das redes de apoio e de afectos, nós sabemos da necesidade de ser pobo organizado, de tecer complicidades. O neoliberalismo aposta por individualizar as nosas vidas porque sabe que xuntas somos invencibles.

De xeito histórico o pobo galego sempre soubo da forza da unión e nunca foi submiso. Os labregos levantáronse contra o cobro de abusivos e inxustos impostos, contra os foros ou contra a cota empresarial... Loitas que sempre se gañaron porque conseguiron o seu obxectivo, a redención dos foros ou a desaparición da cota empresarial... E xa máis recentemente as loitas do pobo galego contra a instalación de pasteiras ou contra a instalación en Xove dunha central nuclear. As loitas dun pobo unido están cheas de éxitos, de avances. E toca seguir para parar calquera intento de regresión dos nosos dereitos e en defensa do territorio que nos dá acubillo.