Opinión

Primeiro ser, despois triunfar

O vinte e cinco de Xullo

é a data máis fermosa:

festa nacional galega

e Día da Patria nosa...!

Manuel María

Hoxe é o día da nosa Festa Maior. Hoxe, 25 de xullo, conmemoramos o día grande de Galiza. O seu nome oficial, Día Nacional de Galicia, segundo decreto da Xunta publicado no DOG do1 de xaneiro de 1979. Cómpre lembralo porque ese non é o nome que usa o Goberno galego que cre necesario roubarlle “nacional” para convertelo un ano máis no día do Apóstolo e esquecer e/ou banalizar o carácter nacional de Galiza. 

Neste día miles de nacionalistas xuntámonos en Compostela para reivindicar o que somos, para revivirmos os ideais daqueles que nos precederon e que teñen que servir de alento e de forza para preparar o camiño dos que virán despois de nós. Rebeldes e inconformistas, orgullosas do noso, lembrando o pasado e defendendo o futuro para festexar sermos galegas e galegos que sabemos que Galiza merece máis e que non permitiremos que nos rouben a esperanza.

As orixes da celebración do DÍA DA PATRIA  remóntanse a 1919, cando se celebrou a II Asemblea Nazonalista das Irmandades da Fala, que acordan celebrar o Día Nacional de Galiza o 25 de xullo do ano seguinte. “ Pola derradeira asemblea que en Compostela xuntou ós nacionalistas foi acordado facer “Día da Patria” o 25 do mes de Santiago.” A data escollida non era do agrado de todos os irmandiños por coincidir cunha festa relixiosa. Antón Vilar Ponte propoñía celebralo o 17 de decembro, o aniversario da execución na praza da catedral de Mondoñedo do Mariscal Pardo de Cela a cargo das tropas dos Reis Católicos.

Desde as páxinas d’A Nosa Terra os líderes do galeguismo escribían textos patrióticos:  “Primeiro ser, despois trunfar. Porque aquel que non teña fé absoluta nas virtudes, en potencia, do noso povo, non ten dereito a galvanizalo con promesas electoreiras e transitorias. Nós temos fe no noso povo e moi logo o noso povo terá fe en nós.” (Castelao, ANT, 25 de xullo de 1935).

Comentarios