Todas somos antifascistas

Tal día coma o de hoxe de 1936, mandos do Exército español levántanse en armas contra o Goberno lexítimo da II República española. A oposición da sociedade e dunha pequena parte do exército ao golpe de Estado fai que se inicie a Guerra Civil que conclúe coa vitoria do bando rebelde e coa instauración dunha ditadura de carácter fascista. A terrible represión sufrida polo pobo galego fixo escribir a Maruxa Mallo varias crónicas en La Vanguardia ("Relato veraz de la realidad de Galicia"): "Al mismo tiempo que cuelgan a Cristo en las paredes de las escuelas, aparecen por los montes, las carreteras y las playas los cadáveres de los maestros". E o horror do aquí padecido leva á Irmandade Galega da Arxentina, presidida por Castelao, a instaurar o 17 de agosto, data do asasinato de Alexandre Bóveda, como Día da Galiza Mártir. 

E 88 anos despois aquí seguimos soportando a extrema dereita en Galiza, en España e en Europa e vemos o seu auxe, como son capaces de expandirse, como crean redes internacionais e como son capaces de facer oír o seu discurso xenófobo e racista que intenta deshumanizar e excluír a quen é diferente. E logo chega o europeo de fútbol, e por se quedaba alguén que pensase que isto tiña algo que ver co deporte festéxase cun "Arriba España", e entón a preocupación pasa a ser medo e pregúntaste como é posible que se banalice e branquee o franquismo.

Cómpre poñerlle freo e facelo xa. Por que hai xente moza que atopa atractivas as ideas e as narrativas da extrema dereita? Que ferramentas precisamos no ensino para facer fronte a estes discursos que xustifican e lexitiman a violencia contra as minorías? Como lograr que o anticolonialismo, o nacionalismo popular, o feminismo, o antiimperialismo logre ser o motor que mova a mocidade? 

Non existen solucións fáciles para problemas difíciles mais cómpre abordar as desigualdades sociais con moita maior valentía. Que ese berro que oiamos hai uns días nas rúas de París, "todas somos antifascistas", sexa unha chamada á acción.