Boi ou 'Buey' da Ulloa?

Por encargo de Nós Diario, contando coa miña formación como zoóloga, estou traballando nesta reportaxe sobre unha nova especie animal descuberta pola Consellaría de Medio Rural, un achado publicado no DOG do 12 de xuño: trátase do "Buey Gallego". Especie nova, sen dúbida, pois como parte do estudo da bibliografía, unha exhaustiva consulta ás 168 páxinas do Refraneiro galego da vaca de Pedro Benavente Jareño e Xesús Ferro Ruibal, no que se citan repetidamente "vaca", "boi", "becerro" "xuvenca" ou "xato", non resultou un só caso de "buey".

Daquela emprendín o traballo de campo en lugares de Galicia onde, segundo informacións contrastadas, sería posíbel encontrar poboacións destes ruminantes, como A Ulloa, Allariz ou Sarria. Tendo en conta o interese informativo que neste intre ten todo o que ocorre na Ulloa, encamiñei os meus pasos á Terra do Medio co propósito de realizar unha serie de entrevistas. Nun herbal de Palas de Rei falamos coa nosa primeira informante, unha vaca marela pastando no vizoso trevo.

—Moi bo día. Andamos á procura dun exemplar de "Buey Gallego". Vostede coñece algún?

—Bo día. Aquí non lle hai diso. Poderá encontrar algún boi, mais as vacas somos maioría. Non en van, en Galicia o nome xenérico é "vaca", mentres en Inglaterra é "beef". Seino porque participamos nun proxecto europeo...

—As comparacións lingüísticas son moi interesantes, porén, agradecería que me indique onde podo encontrar un "Buey".

—Na Ulloa non o vai encontrar. Aquí unicamente hai bois e son felices coa fartura, xa sabe: o boi afartado fai cama do rabo. Descúlpeme, temos unha xuntanza para estudar como deter ese proxecto de celulosa que vai estragar as nosas terras.

Outras entrevistas non deron máis froito. Unha fermosa vaca cachena suxeriu que talvez se tratase do "buey" de mar, tamén chamado esqueiro. O resumo: en Galicia o "buey" non existe. Haberá que cambiar o DOG.