Iguais nas feridas

"Anque as nosas palabras sexan distintas, / e ti negro i eu branco, / si temos semellantes as feridas, / coma un hirmau che falo". Así escribe Celso Emilio Ferreiro en 1962, nun canto de solidariedade con todos os que temos semellantes as feridas; choran os meus ollos o teu pranto, escribe.  

A palabra racismo pode ser enganosa, é case inevitábel ao definila usar o termo "raza", así no dicionario da RAG: "Teoría que sostén a superioridade dunha raza". Porén, na especie humana non é cientificamente adecuado falar de distintas "razas". Hai consenso científico na inexistencia de bases biolóxicas ou xenéticas para as categorías raciais. Somos moito máis iguais do que aos racistas lles gusta admitir: como demostrou en 2004 o proxecto Xenoma Humano, os seres humanos somos xeneticamente idénticos en máis do 99%.

A raza é, entón, unha construción política, sociocultural, baseada na expresión dos xenes, no chamado fenotipo. Unha construción que desde as súas orixes ten por obxectivo a dominación dunhas persoas por outras, xustificándoa en termos de superioridade e inferioridade. A ciencia está desmontándoa, a ciencia contribuíu a creala: os naturalistas do século XVIII, Buffon, Linneo, describían os europeos como "enxeñosos e inventivos", mentres que os africanos eran "preguiceiros, neglixentes". A escravitude, o tráfico de escravos, o sufrimento de millóns de persoas tiñan pois escusa. Uns prexuízos que reverberan hoxe, cando os racistas non consideran lexitimadas as persoas de pel escura para ser estrelas do deporte, ou ministras. Os insultos a Vinícius Jr. nos campos de fútbol, onde o racismo debería tomarse máis en serio, ou á atleta galega Ana Peleteiro, son os últimos exemplos. 

É necesario eliminar o termo "raza" como descritor da variabilidade nos informes de saúde, sobre todo nos Estados Unidos, mais tamén en España. É unha noción que causa feridas.