Irmás arxentinas

Pamela, Roxana, Andrea, invoco os vosos nomes nun pranto de amor e de rabia. Invoco o de Sofía Castro, sobrevivente, aínda no hospital. 

Non vos matou o cóctel Molotov, matouvos o odio, o veleno inoculado polos que toman en van palabras como liberdade, amor, ledicia. Libertad Avanza, o nome do partido de Milei, unha falacia. Que dano pode facer que unha muller ame a outra muller? A quen produce feridas? Unicamente aos que non cren na liberdade. 

Pamela, Roxana, Andrea, o voso amor abre fendas no patriarcado, desenmascara o milhomes armado de motoserra, anoa os panos verdes da loita polo dereito ao aborto. 

Pamela Cobas, Mercedes Roxana Figueroa, Andrea Amarante, Sofía Castro, enxergo nos vosos apelidos, Cobas, Figueroa, Castro, talvez emigrantes galegos, as avoas, os bisavós chegados a Bos Aires fuxindo da miseria, da fame. Vexo a M. que ficou preñada dun home casado e embarcou para Arxentina coa nena procurando unha vida mellor. Aínda que non teñades raíces aquí, o amor, a rabia, son os mesmos.

Matouvos a homofobia, a bile destilada por Milei e o seu Goberno alá, por outros desta beira do Atlántico. A ministra de asuntos exteriores de Arxentina, chanceler Diana Mondino, afirma non ter problema ningún coa homosexualidade, do mesmo modo que respecta a decisión dunha persoa de ser "piollenta". O biógrafo de Milei, Nicolás Márquez, acusou os anteriores gobernos arxentinos de financiar e promover a homosexualidade. Así en tempos pasados primeiro foron acusadas as menciñeiras de asasinar nenos, antes de queimalas vivas. 

As nosas voces, as nosas bágoas, non vos devolverán a vida, mais debemos seguir elevando a voz, vertendo bágoas para defender a liberdade, a auténtica. Di Judith Butler que o noso inimigo é o réxime patriarcal, homófobo e capitalista. A foto de Milei cos empresarios certifica que capitalismo e patriarcado van da man. Nós, irmás, convosco.