Opinión

Mullerenaxe sen vós

Queridas Lola e Luz, a deste ano foi a primeira mullerenaxe sen vós. Non nos habituamos á vosa ausencia. Foi, con todo, a primeira mullerenaxe a vosoutras. Honramos a Maruxa e Coralia Fandiño Ricart, honrámosvos a vos. Lola Ferreiro, a quen debemos un nome que subverte tanto o xénero ao que remite “homenaxe”, home, varón, como o sentido orixinario de vasalaxe. A mullerenaxe, segundo nos ensinaches, Lola, é unha honra de mulleres a mulleres. Pois o teu feminismo era –é, temos o teu pensamento, o teu exemplo– completo, mudando coa ollada violeta a teoría, aplicándoa ao quefacer profesional de médica e docente, e sobre todo levando o feminismo á práctica. Luz Fandiño, compartindo nome con Maruxa e Coralia, as “fillas do zapateiro” do terríbel poema de Luís Seoane. Luz, poeta analfabeta, rebelde, insubmisa, testemuñabas cada día que sumar anos non significa resignarse, que a ledicia pode acompañar á idade, que o puño en alto vai unido ao riso. Luz, o compromiso co país, coa lingua, coa defensa de todas as causas xustas, de todas as subalternas. A derradeira manifestación na que participaches foi por Gaza. Non esquecemos, Luz, as memorias que nos legaches, a represión sobre a túa nai, Martina, o modo en que lle foi negado o certificado de boa conduta que precisaba para ser admitida no Hospital Provincial e poder ser tratada da tuberculose, a túa emigración, que definías como o país desangrándose. 

Preguntábase Encarna Otero o pasado dezaoito, no que as bágoas anubraban a nosa vista, quen nos chamará agora neniñas como facías ti, Luz, toda agarimo; quen nos enviará cada ano o calendario republicano con doce historias de mulleres, que elaborabas ti, Lola. Como os trobadores e trobairitzes provenzais nesta mullerenaxe comprometémonos a gardarvos fidelidade, que non submisión. Seguiremos as vosas pegadas, lembraremos o que nos ensinastes. Continuades vivas en nós.

Comentarios