Decibeis

Este verán asistín, nas redes, a varias polémicas sobre o volume de diferentes actividades, nomeadamente festas e concertos. Mentres lía os debates, podía estar escoitando na miña casa o chunda-chunda dun evento que se desenvolvía a quince quilómetros de estrada, e este verán sentiuse ruído a diario. Ou tamén os foguetes das festas parroquiais que aínda me sobresaltan a pesar de que os meus veciños bótanos unha media de seis veces ao ano, ás veces a poucos metros da casa, para que me afaga a eles e non lle dea importancia ás fendas que se van acumulando coas vibracións do terreo.

No mes de xullo, no concello de Nigrán, a comisión de festas de Priegue saltou á prensa por substituír o estrondo dos foguetes por un espectáculo de luces, como xesto de respecto polos seres vivos para os que determinados decibeis poden ser daniños.

Porén, neses debates nas redes sociais, cando alguén se queixa do volume esaxerado dos eventos durante a madrugada ou ao longo de moitas horas durante o día, sempre hai persoas que contestan invocando as tradicións (cales?), e maioritariamente chamando amargados e outras lindezas a quen dá a súa opinión. É moi frecuente que mesmo (nos) conviden a irnos, até houbo quen suxeriu que se fixese unha cidade para os que se queixan. Así de respectuosos son os debates. E o caso é que no fondo estamos falando de saúde, de saúde auditiva e mental, a mesma que se quere preservar coas normativas que regulan os niveis de ruído e que no noso ámbito emanan dunha Directiva europea do ano 2002, que sinala que o ruído ambiental é un dos maiores problemas medioambientais en Europa.

En fin. E para que tanto volume? Porque foi o caso que nun deses concertos de verán aos que acudía unha figura de relevo internacional, ao chegar a súa actuación subiron tanto o volume que o son resultou pésimo e en lugar dunha guitarra escoitabamos un boureo insoportábel, convertendo unha cita fascinante nunha gran decepción.

Pero seguirán dicindo que os repugnantes somos nós.