Desilusión

Novo curso, mesmos problemas. A burocracia a rillarnos as orellas en forma de traballos imprescindíbeis que nos atan á pantalla do ordenador premendo porcentaxes e tentando imaxinar a que se refiren todas esas palabras que definen os obxectivos, competencias ou indicadores de logro. Confeso que me crean unha néboa mental en que me vou perdendo. O que debería ser un período de traballo creativo de preparación de aulas, acaba por se converter nunha tarefa mecánica en que tentas cadrar datos para que o programa che permita validar e pechar a programación. Resultado: aquela ilusión que tivemos un día por comezar o curso, desapareceu. 

Así as cousas, sucede que cando nos atopamos, moitas das que xa levamos décadas traballando na docencia e vimos como o noso traballo se burocratizaba progresivamente e se nos incrementaban as horas de docencia, en detrimento das coordinacións (como as reunións de departamento que noutrora tiñan que ser semanais e estaban prefixadas no horario de todas e agora poden facerse cada mes, se dades coincidido unhas coas outras) e da preparación de aulas, acabamos por falar do mesmo tema: a xubilación. Cando superamos os 55, e non esquezo que sempre reclamamos a redución horaria (lectiva) para quen superase esa idade, a docencia, tal e como se desenvolve hoxe, comeza a ser unha empinada costa que nos custa subir. Resumireino co argumento que me deu un día unha amiga e que logo escoitei doutras moitas compañeiras: "Se fose por dar aulas, non me xubilaba, sígueme gustando dar clase; xubílome pola burocracia e as familias". E así definiu a súa desilusión, o desgaste, a frustración, ese estado en que nos atopamos moitas docentes que, ademais, sufrimos a falta de consideración polo noso traballo fóra e dentro da comunidade educativa. 
Reclámannos que sexamos empáticas, simpáticas, creativas e motivadoras, dentro e fóra da aula e coa programación ao día. E todo isto a cambio de non escoitar as nosas reivindicacións e de alienarnos con burocracia.