Igualdade no ensino

Hai máis de tres décadas, cando comezabamos a dar aulas, un compañeiro deixou medrar a barba. Mudou o seu aspecto para aparentar máis idade diante do alumnado. No meu caso, o que decidín foi deixar de levar minisaia. El quería aparentar máis vello, eu esconder a moza que era. Un evidente nesgo de xénero.

Desde entón, a lexislación foi avanzando até establecerse que as empresas deben contar cun Plan de Igualdade. Mais, como noutras cuestións, o goberno que ten que velar por que se cumpra a lexislación dá o peor exemplo posíbel mantendo ás súas empregadas, as da Consellaría de Educación, sen un plan de igualdade que vimos reclamando desde hai anos.

Haberá quen pense que no Ensino, un sector en que as mulleres representamos 73,7% do persoal e os salarios veñen fixados polo DOG, un plan de Igualdade non é urxente, mesmo haberá quen pense que non é necesario. Porén, hai case ano e medio, cando a CIG facía unha enquisa sobre os Plans de Igualdade, 80% das participantes manifestaba que este plan é necesario e un 91% que sería unha ferramenta necesaria para previr os diferentes tipos de acoso que sufrimos no noso ámbito laboral. É imprescindíbel. 

Primeiro porque o sistema de acceso non nos protexe contra unha carreira laboral en que, coma no conxunto das profesións, as mulleres cargamos coa pesada mochila da conciliación e dos coidados e se premia a quen non carga con ela.

Segundo porque estamos expostas a situacións potencialmente violentas polo noso xénero. Da diferenza de trato por parte do alumnado, das familias ou dalgúns compañeiros ao acoso sexual a profesoras que existe, mais nunca transcende publicamente. Da imposición dun cargo sen ter en conta a situación familiar que alega a docente ao vello mansplaining. Cada unha de nós podería poñer un exemplo enriba da mesa. Mais na Consellaría adían unha e outra vez este plan como denunciaba a CIG-Ensino esta semana. É a expresión da consideración que teñen das súas traballadoras, ás que xa están discriminando.