Opinión

Invasoras

Hai varios días, tiven un cruce de mensaxes na páxina dunha protectora que acabou con acoso persoal a través da mensaxería privada da rede social, ao que puxen fin bloqueando a persoa que me increpaba.

Todo comezou porque alguén recolleu na beira dun río do Condado unha tartaruga enorme das denominadas de Florida. A xente preguntaba que se podía facer con ela, mesmo houbo quen recomendou liberala no río porque era o seu medio. Pois non, non o é. Por ese motivo intervín para aclarar que era unha especie invasora, é dicir, allea ao noso medio e daniña para as especies propias, como os sapoconchos (especialmente do xénero Emys), desprazados e desaparecidos pola invasión destas especies que chegaron aquí a través da comercialización de “simpáticas e inofensivas” (todo o contrario) tartaruguiñas de acuario; e para indicar que había que comunicalo ao Centro de Recuperación de Fauna Salvaxe.

A partir de aí comezou a lea. Porque o protocolo do Centro de Recuperación parece que era sacrificar a especie invasora. E comezaron acusarme a min, practicamente, de matar a tartaruga.

Falaba de todo isto cun colega que relataba indignado como determinado tipo de actitudes fixeron que hoxe no río Vilacoba os únicos animais que se poden ver son visóns descendentes dos outrora liberados das granxas. Certo é que os visóns non teñen a culpa da cobiza e o luxo que levou a que fosen criados para a industria dos abrigos de pel. Mais menos culpábeis son peixes, anfibios e vertebrados que naceron nas beiras dos nosos ríos.

As tartarugas de Florida que un día foron pequenas, acaban por se facer grandes e non caber no acuario de quen as comprou. É así como son tiradas no río onde, coma os visóns, destrúen o medio e atacan as especies autóctonas, por certo, en perigo de extinción.

A defensa dos animais non consiste en reclamar que non os maten, senón en non contribuír ao desequilibrio ecolóxico (e ao cambio climático) comprando e cuidando mal seres vivos que non deberían comercializarse.

Comentarios