Lectura de verán

De sempre, ao chegar estas datas comezaba a facer plans de verán. Aínda hoxe consisten basicamente en dous: o primeiro, pasar un día sen facer absolutamente nada, un propósito que cos anos se me foi facendo cada vez máis difícil de executar. O segundo, o máis importante, facerme cunha boa rima de libros e dedicar horas á lectura: no salón da casa ou no xardín, na praia ou en calquera lugar e medio de transportes mentres viaxo. Por iso, cando collo o que preciso para saír da casa pouco ou moito, ademais de chaves, lentes, cartos... levo un libro ou máis, porque ás veces semellan tan delgados…

Na miña memoria, hai imaxes altamente gratificantes deses momentos de lectura. Imaxes de calma e de pracer. Un verdadeiro reconstituínte para cerebros cansos coma o meu. Por iso, nestes xantares de despedida de curso, un dos temas de conversa son xustamente as recomendacións lectoras. E disto vai esta columna, de recomendar algunha lectura, non tanto pracer, como por necesidade de saber o que pasa ao redor de nós, no ámbito da nosa cultura e coa nosa lingua.

A miña recomendación vai dirixida á cúpula das Consellarías de Cultura e Educación cos seus respectivos titulares á cabeza. Recoméndolles que lean o informe do Consello da Cultura Galega A produción en lingua galega no ámbito cultural, agora que andan a falar de pactos [sic] pola lingua, talvez esta lectura lles resulte de interese, especialmente no apartado 2 de “Condicións para un incremento da demanda de bens e servizos en galego” (a tempo que relén os informes sobre a situación do idioma), onde poderán ler que as medidas máis demandadas polos sectores que producen cultura para que se incremente a presenza da nosa lingua son dúas: fomentar o hábito de consumo de cultura en galego xa dende a infancia e a escola e incrementar a presenza da lingua e a cultura galegas nos medios de comunicación, redes sociais e plataformas dixitais. E si, sen facer enquisas parece que son dúas medidas moi, moi necesarias... tomen nota.