Loira

Loira é un topónimo galego. Cando dicimos este nome pensamos na cor que nos evoca e si, tal vez sexa a cor a que deu nome a esa praia ou a ese lugar da costa galega. Loira é o título da última novela gráfica de Étienne Davodeau, porque así traducen para o español o nome do río máis longo de Francia. O río que atravesa o Estado e as súas linguas minorizadas que o van nomeando: Léger en occitano, Liger en Bretón, calcando o latín do que procede. Mais o topónimo ten orixe nunha voz prerromana (liga) que significaría sedimento, area. E aí, aí conectan os topónimos de sur e norte, estendéndose como nos ensinou o filólogo J.M. Piel.

No noso imaxinario simbólico, os ríos convertéronse na metáfora da vida, desde Confucio a Manrique, a literatura fornécenos da bagaxe necesaria para ir lendo entre liñas.

Vaia por diante que recomendo a lectura desta obra. Para min é a descrición do presente da xeración que naceu na década dos 60, especialmente dos que coma el procedemos de familias da clase traballadora e sabemos que nós tamén somos traballadoras e traballadores que empuñamos as nosas armas para loitar, sexan elas ferramentas, ordenadores, bolígrafos, pinceis ou as nosas propias mans, sempre, manufactureiras dun mundo mellor.

A nosa xeración, a que se espiu para gozar das augas do río ou do mar, a que comprendeu que deixamos unha pegada de carbono que deteriora este mundo que aínda estamos aprendendo a gozar e que non nos pertence, que é unha cesión temporal, cun contrato non escrito que reclama a cambio da ocupación, coidados. A mesma que sabe que o espazo nos pertence por igual e non hai renuncia, senón amor, en liberarnos dos roles de xénero. Que só seremos felices se somos quen de entender que vivimos en diálogo con todos os outros seres vivos que forman iso que chamamos natureza. Ese difícil equilibrio que é o único que merece a denominación de humano. 

E que a morte forma parte desta vida e que podemos aprender da natureza a integrala con serenidade e dignidade.