A NATO e Ucraína

A pretensión de integrar Ucraína na NATO está a espertar tensións en todo o espazo europeo, e como se apunta reiteradamente, podería levar a extensión do conflito que dende 2014 afecta a aquelas terras. Creo que xa é hora de preguntar para que serve tal organización a día de hoxe é cal é o inimigo do que nos quere protexer. Noutro tempo puido ter unha lóxica no marco da confrontación de bloques político-económicos pero a día de hoxe, cando boa parte dos integrantes do antigo Pacto de Varsovia pertencen xa a NATO, para que segue a existir? A única razón que se pode dar é a persistencia dun perigoso inimigo ruso disposto a tragar os seus veciños se nós, "nacións libres e occidentais", non facemos nada para impedilo. Ou sexa, non só non disolvemos a NATO senón que queremos agrandala para conter un inimigo que na plenitude da súa forza e cheo de aliados non foi quen de ameazar o "mundo libre". Agora, reducida tanto en tamaño como en poboación e potencial económico (o seu PIB conxunto é equivalente ao de Italia) pareceu converterse nun potentísimo inimigo. Isto é o que xustificaría non só ampliar a organización con Ucraína e Georgia senón rodear a vella Rusia de bases norteamericanas en antigas repúblicas soviéticas. Pero se a única xustificación da ampliación da NATO é a de controlar a Rusia é normal que esta non o tome precisamente a ben. Salvo que o que queiras sexa acurralala para que reaccione e ter unha escusa para atacala. Todo isto cheira bastante a armas de destrución masiva ou a aquilo de que Iraq tiña o terceiro exército do mundo.

Outra cuestión que non remato de comprender é a da razón pola cal hai que apoiar a Ucraína neste contencioso se esta non forma parte da NATO. Se os Estados Unidos queren manter áreas de influencia en territorios alleos ao estrito espazo da NATO alá eles e a súa conciencia imperial (moi reforzada, por certo, co goberno de progreso tan aplaudido polo noso progresismo). Pero en razón a que tratado teñen os demais estados que forman esta organización que involucrarse en cuestións que son complexas e de difícil entendemento salvo polos actores directamente afectados? E non sei quen lle deu á NATO o dereito de intervención nesa situación. De ser un problema que afecte á paz mundial debería ser a ONU quen se pronunciase, e de ser así, encargar a forzas dirixidas por ela, que ben puideran ser paraguaias, filipinas, nepalís ou de calquera estado do mundo, as que fagan a intervención. A NATO, de acordo coa legalidade internacional, non tería nada que pintar alí, salvo que o espazo europeo fose sagrado ou distinto dos demais e non se tolerase a intervención de actores alleos, algo tamén incumprido pola presenza das forzas dos USA.

Tampouco entendo moi ben as présas que ten o Goberno español por apoiar os Estados Unidos nesta misión. Aínda non aconteceu nada grave e xa se apresuran a enviar buques de guerra e tropas á zona, sen sequera debater o asunto nin no Parlamento nin na opinión pública. Non coñecemos ben as claves do conflito que, como dixen, son complexas. Pero nos xa tomamos partido máis rápido que ninguén. Fronte a outras potencias europeas moito máis calmadas, que aínda están a matizar a súa posición, é estraño que nós, que ben pouco se nos perde alí e que descoñecemos case todo do conflito, queiramos ser os máis combativos e belicosos cun pobo co que non tivemos ningún conflito na nosa historia. Parece como se o presidente Sánchez buscara chamar a atención do presidente Biden, que tan pouco caso lle fai. E o que sei é que Unidas Podemos é a principal interesada en que haxa paz, primeiro polos seus principios e, segundo, pola conta que lle trae, pois tería que deixar o Goberno.