Cal pode ser a ganancia para a Galiza da guerra de Ucraína?

Como é ben sabido a semana pasada fixo un ano dende o comezo da guerra da Ucraína. Téñense desenvolvido neste e noutros medios moi interesantes debates sobre a orixe e as consecuencias de tal guerra. Uns defendendo a postura da NATO, no senso de que o conflito se debe a unha agresión rusa, mentres outros matizan este aspecto e culpan o expansionismo militar occidental do inicio das hostilidades. Eu xa me teño manifestado, con matices, a prol da primeira postura. Mais ambas as dúas discuten ben sobre cal das dúas partes en conflito ten mellores argumentos e por tanto merece moralmente ganar a guerra, ben das capacidades bélicas ou estratexias de cada combatente. Mais non é miña intención reiterar os argumentos xa expostos nin criticar os defensores da segunda postura. Gostaría de analizar, por enriba, cales poderían ser as consecuencias do conflito sobre o devir do movemento nacional galego ou, en xeral, sobre a propia Galiza, algo que rara vez se ten en conta.

En principio isto podería ser debido a que pouco pode, en principio, afectar a evolución da guerra aos nosos escenarios políticos. Que gane un ou outro bando parece, de primeiras, indiferente para nosos obxectivos nacionais. De ganaren os ucraínos e os atlantistas ficariamos máis ou menos como estamos. De ganar os rusos, calquera que sexa a definición de ganar neste contexto, se ben o bloque occidental ficaría severamente danado, nada garante que o cambio xeopolítico cara a unha Rusia ou China reforzadas reforce a movementos nacionalistas como o noso. Máis ben ao contrario, pois o historial nese ámbito, de ambas as dúas potencias, non parece moi alentador. Só hai que ver o tratamento que tiveron os chechenos no seu momento ou os uigures agora mesmo. Iso si, os rusos tiveron até agora a política de apoiar movementos nacionalistas e secesionistas no espazo europeo occidental para tentar debilitar dende dentro o seu espazo. É normal que estes movementos o buscasen a súa vez, pero tamén é certo que este apoio, máis ou menos activo, volveuse moi incómodo para moitos apoiados que agora, voluntariamente ou fozados polas circunstancias, víronse obrigados a renegar del. E sen apoios externos un movemento nacionalista ten poucas posibilidades de éxito. Unha Rusia vitoriosa en Ucraína reforzaría a NATO como organización,  precisamente pola debilidade percibida diante dos rusos a que antes fixen mención, e sería de prever unha menor tolerancia con procesos políticos que puidesen disgregar unha alianza en retroceso. Un rearme a grande escala daríase, pois, por descontado, e incluiríanos a nós.

O outro escenario, o dunha derrota rusa, real ou percibida como tal, tampouco nos afectaría directamente a curto prazo, pero si a medio, no caso de que conducise a cambios substanciais no estado ruso. O de que Rusia ou gana ou se desintegra non é ocorrencia miña. Responde a unha frase do ex presidente e primeiro ministro ruso Medvedev. Tras a derrota soviética en Afganistán implosionou a vella Unión, obviamente por máis causas que esta, pero o fracaso militar tamén contribuíu a minar a súa moral. Dende logo unha Rusia debilitada quitaría lexitimidade á NATO, polo menos no noso espazo, e moi posibelmente leve a reforzar movementos das nacións asoballadas de alí, aos que nós solidariamente deberíamos apoiar. O mundo das nacións florece despois da queda dun imperio como fixo tras a cañida da Austro-Hungría ou da URSS. De darse ese escenario, de novo teriamos moitas novas nacións para enriquecer o mundo coa súa diversidade. Eis a nosa ganancia.