Convenio colectivo galego

O debate aberto sobre as posíbeis modificacións ao decreto da reforma laboral está a abrir o debate, que non lembro que se tivera producido en moito tempo, sobre a posibilidade de primar o convenio autonómico sobre o sectorial. Non podo estar máis de acordo coa proposta, e o seu rexeitamento polos redactores da norma tamén nos di máis sobre a súa visión da organización estatal que sobre a súa visión das relacións laborais. Tamén nos di que tanto o Goberno como a patronal e as organizacións sindicais que negociaron o documento buscan preservar a súa capacidade de influencia antes que servir aos intereses de traballadores e empresarios. De se descentralizar a negación dos convenios estas organizacións perderían a capacidade de influencia en moitos territorios españois nos que a súa capacidade de representación é menor, como é o caso da Galiza, que conta con sindicatos propios.

Non é nada novo, pois se ben se ten conseguido a autonomía en moitos ámbitos como o da saúde ou o educativo, sempre houbo resistencias a perder poder negociador no ámbito laboral sen razón algunha que o explique, alén de non perder poder negociador tanto por parte das grandes empresas, representadas na patronal, como das centrais sindicais estatais que á hora da verdade colaboran con estas a cambio de privilexios corporativos. Parece como se as "cousas serias", como a reforma laboral ou o financiamento, non puideran ou deberan quedar ao arbitrio das autonomías, como se estas non fosen quen de entender os seus arcanos.

O marco de relacións laborais debe estar o máis perto posíbel da realidade económica e empresarial dun país. A estacionalidade e súa regulación é, por exemplo, distinta na pesca e na conserva que no téxtil ou na automoción e a norma laboral que regula o traballo temporal debe ser adecuada a nosa realidade. Tamén o peso das distintas industrias, a dispersión da poboación ou o tamaño das unidades de produción deberían terse en conta á hora de negociar as condicións salariais. Tampouco a dotación de capital ou os índices salariais son os mesmos en todas as autonomías. Establecer as mesmas normas para todos só serve para prexudicar os sectores industriais que se aparten da norma dominante no territorio español. A centralización da negociación colectiva beneficia as grandes empresas españolas eliminando ou dificultando a competencia ás empresas que operan noutras realidades económicas e laborais. Ao tempo, reforza o poder das centrais sindicais españolas, ao eliminarlle a competencia de sindicatos "rexionais" que puideran pór en cuestión a súa capacidade de interlocución.

O que non é de recibo, na miña opinión, é o argumento usado por algunhas forzas, que din representar o liberalismo hispano, de que a descentralización da negociación colectiva quebra a unidade de mercado. En primeiro lugar, a unidade de mercado non quebra porque ten distintos marcos laborais, polo menos mentres exista libre circulación de mercadorías, man de obra e capital dentro dun determinado espazo. A proba está na propia Unión Europea na que conviven moitas lexislacións laborais distintas sen que ninguén se atreva a dicir que o mercado está fragmentado. Ao contrario, a verdadeira agresión ao mercado é a de obrigar as empresas a competir en marcos laborais que non corresponden ás súas realidades sociais e aos que teñen difícil adaptación. O verdadeiramente liberal é permitir a competencia entre marcos laborais, non establecer un por decreto. É unha agresión con beneficiarios claros, empresas e traballadores próximos aos reguladores, e con prexudicados non tan conscientes, que son o resto. Benvida sexa entón esta proposta e oxalá vaia adiante.