Estratexia Bogavante

Na última publicación avanzabamos, como así apuntaban os inquéritos, a consolidación dun panorama de incremento electoral das ultradereitas a nivel europeo: Francia, Italia, Austria ou Alemaña inzan de populismo supremacista e ultraconservador a "institución representativa" da UE, presentando credenciais para o acceso a máis gobernos e á xefatura dalgúns Estados centrais dentro dun moi complexo escenario internacional marcado pola turbulenta des-globalización e a carreira belicista produto da crise de orde mundial precipitada desde 2022.

Cunha pobre participación popular foron castigadas forzas que lideran a temeraria aposta pola escalada na confrontación bélica contra a Federación de Rusia, a cal ameaza todo o mundo coñecido nas últimas décadas. Basten como exemplo os trompazos de Macron e da "coalición semáforo" xermana para ilustrar o debilitamento do histórico eixo franco-alemán ao substituílo pola potenciación dun "Triángulo de Weimar" (Francia, Alemaña, Polonia) que baila ao son de Washington e Kiev sen practicamente ningunha autonomía: isto supón unha sacudida aos fundamentos consuetudinarios da Unión, producindo efectos políticos que acompañan unha onda reaccionaria sostidamente crecente desde a fin da URSS e relanzada nos últimos lustros por múltiples razóns.

Consenso pro-ucraíno e neofascismo en auxe revélanse claramente funcionais á proposta de política exterior estadounidense pola cal América do Norte, cunha metáfora visual, sería a cabeza que se nutre dun corpo (América Latina) que estende as súas pinzas mediante dous sistemas de "alianzas" (OTAN en Europa, e antiga SEATO e AUKUS no Sueste Asiático máis Xapón) que atenazan os restos do "imperio soviético", de China e do mundo árabe-islámico intervindo, dun ou doutro xeito, arredor do seu cinto (Siria, Ucraína, Taiwán...) xeográfico. Esta semana os EUA "levantaron o veto" oficialmente a que as súas armas sexan usadas por neonazis na fronte oriental: extra-oficialmente usábanas desde 2014.