Fortes disensións

Nos meses de verán adoitan propiciarse feitos políticos que pasan máis desapercibidos do habitual. Comprobámolo coa serie de acontecementos producidos nas últimas xornadas: mudanza de goberno en Londres co regreso a Downing Street dunha versión "centrista" do laborismo británico que pecha a etapa post-Brexit de pésimos PM conservadores; "éxito electoral" da chamada Nova Fronte Popular francesa, que mediante a activación urxente dun entendemento republicano cos liberais logrou in extremis cortar o acceso do lepenismo ao poder, circunstancia que abriría a posibilidade dunha explosiva cohabitación con Macron e desencadearía un terremoto continental. Nun e noutro caso mal farían as forzas sistémicas en desatender unha realidade contumaz: tanto o Reagrupamento Nacional de Le Pen (dobrando apoios) como o Reform UK de Nigel Farage na Cámara dos Comúns (multiplicándoos por sete), sitúanse como sólidos dispositivos reaccionarios que canalizan parte dos múltiples descontentos nesta época de réxime de guerra e des-globalización. Á par encárase xa a carreira electoral estadounidense coa dúbida, pronto despexada, de se finalmente Biden competirá ou non con Trump pola presidencia e o que isto podería implicar na OTAN e para Europa. Estes factores e incógnitas manteñen ás principais institucións occidentais nun impasse cheo de contradicións cruzadas e disensións coa Guerra do Leste "aberta en canal" mais, como sempre foi previsible, decantándose globalmente en favor da parte rusa.

Para mostra, un botón: a saída en tromba do establishment comunitario e de belicosos de toda cor afeándolle ao presidente rotatorio do Consello da UE (o ultra-conservador húngaro Viktor Orbán) as súas viaxes a Kiev, Moscova e Beijing para explorar un diálogo multilateral na procura dunha saída negociada que limite a posibilidade dun choque bélico máis grave ou catastrófico semanas despois da ridícula performance "pola Paz" de Suíza. Manifestaron que o Consello da UE "non representa á UE"!