Fracturas

Nos últimos tempos ata tres líderes políticos internacionais foron atacados na súa integridade física. Os tres comparten, desde posicións matizadas na súa propia realidade concreta, unha lectura crítica e non coincidente sobre a escalada bélica entre a OTAN e a Federación de Rusia. Xa comentados e analizados os casos de atentado con balas contra Donald Trump e o eslovaco Robert Fico, foi tamén agredida, con pintura vermella e ao berro de ¡Slava Ukraini!, a dirixente esquerdista Sahra Wagenknecht, unha das "triunfadoras", xunto á dereita populista (de tendencia filo-nazi) de AfD, nas recentes eleccións nos länder de Saxonia e Turinxia, na antiga Alemaña Oriental. 

A abordaxe da solución á Guerra do Leste leva fracturas no seo das sociedades occidentais e repercute no campo das ideoloxías e das formacións políticas por afectar unha multiplicidade de aspectos materiais e inmateriais: é ou non "ético" prolongar unha Guerra perdida de antemán con xa máis dun millón de baixas? Quen se beneficia? Como e por canto tempo se xestiona a acollida de refuxiadas e se sostén o ritmo de asistencia armamentística e financeira? Cales están sendo realmente as consecuencias das "sancións económicas"? Onde está o limiar do "risco bélico asumible", evitando aberta conflagración europea ou mundial con posibilidade de uso de armas de destrución masiva e mutua asegurada? Pode a OTAN asumir agora unha derrota estratéxica? É posible negociar un armisticio ou convén aceptar as condicións impostas pola Federación? Aceptarán os EUA un renovado tratado de seguridade colectiva para Europa ou a UE resígnase a xogar un rol suicida? Sobre o terreo confírmase o fracaso operativo da incursión en Kursk mentres o exército ruso, que administra mellor os recursos dentro da vella "arte da guerra", avanza cara o derradeiro anel defensivo e de fortificacións construídas no Donbass durante a última década co horizonte de provocar o "punto de ruptura" e o colapso, polo menos nun sector, da fronte oriental.