Free World

Na anterior semana cadraron acontecementos que, aparentemente inconexos, levan o selo inconfundible do wild wild west: por unha banda confírmase o derrube de autoridade na estrutura neocolonial francesa coas revoltas independentistas en Nova Caledonia, terceiro produtor mundial de níquel: un material usado na fabricación de coches eléctricos. Circunstancia engadida á perda de influencia no Sahel. Por outra, prodúcense mudanzas substanciais no teatro ucraíno acompañadas dunha remuda no Ministerio de Defensa ruso que anuncia a entrada noutra fase do conflito armado. 

En paralelo, a UE interfire progresivamente no Cáucaso instigando un cambio do poder instituído en Xeorxia, que vive unha prolongada serie de mobilizacións "pro-europeas" similares ás desenvolvidas durante 2013-2014 en Ucraína, finalmente desembocadas no golpe de Estado do Maidán. A maioría parlamentaria propón aprobar alí unha normativa que restrinxa a inxerencia estranxeira similar ao doutras realidades institucionais occidentais. Nese contexto, suspendeuse a prevista visita de Zelenski a Portugal e España e o Secretario de Estado estadounidense Antony Blinken departiu co seu homólogo Kuleba nunha pizzería de Kiev engalanada con bandeirolas neonazis. Sacou tempo para achegarse a un pub da capital e interpretar coa guitarra o famoso tema rockeiro de Neil Young, da época do último gran magnicidio en territorio continental: o de Olof Palme. Seguramente matinou niso o primeiro ministro eslovaco, ex-comunista e "socialdemócrata" Robert Fico cando recibiu os disparos dun septuaxenario (ex)militante fascista asiduo ás concentracións pro-Kiev. O goberno confirmou tal motivación. Opúxose ao envío de armas e mantén unha postura neutral contraria á escalada da Guerra do Leste e á presión belicista da OTAN. Enseguida lanzaron desde a "propaganda de guerra" unha campaña de intoxicación, criminalizando o atacado e branqueando o atacante: o "mundo libre" camiña recto sobre liñas torcidas rememorando riscos do longo século XX.