Opinión

Legado

Horas despois do desastroso debate (anticipado) pre-electoral entre un bunkerizado Biden e o "asediador asediado" Trump o presidente en retirada aseveraba nunha coñecida cadea que estivera "ocupado facendo guerras por todo o mundo" cando o entrevistador cuestionou a súa idoneidade para recuncar. É rechamante como grandes medios occidentais negaban até daquela as longamente advertidas evidencias sobre tan precario estado cognitivo: desde entón voces autorizadas e xerarcas do Partido Demócrata, prensa crítica e afecta ou "os donantes" multimillonarios foron retirando apoio á candidatura. Calquera voz discrepante neste eido podía ser estigmatizada como "pro-rusa", mais inmediatamente abriuse a veda. Facía poucos meses afirmara que o "paquete de axuda" de 93.000 millóns de dólares a Israel e Ucraína significaba "un bo día para a paz", e o espilido xornalista (premio Pulitzer) Seymour Hersh preguntábase publicamente "quen levaba realmente os mandos".

Cadrando co procedemento penal aberto nos EUA rebrotara o rebumbio informativo a teor das ligazóns entre a empresa gasística ucraína Burisma co seu fillo Hunter, que foi membro do consello de administración da mesma desde 2014 cando se consuma o golpe de Estado do Maidán. A conxunción réxime ucraíno/recursos naturais/elites demócratas/armamentísticas fai parte da corrupta hidra de sete cabezas que custou a vida de centos de milleiros de soldados rusos e ucraínos recrutados á forza, exemplificada co presunto desfalco de ata mil millóns de euros por membros do goberno de Zelensky segundo prospeccións da xustiza local. Ese diñeiro debera empregarse nas barreiras de defensa e fortificación de áreas como a de Járkov. Non foi así. Outra práctica recorrente hoxe é a venda de certificados médicos falsificados para evadir o chamamento a filas, involucrando responsables daquel réxime putrefacto. Todo isto, e amparar a entolecida matanza de Gaza, forma parte do legado do vello Joseph Robinette Biden Jr como nefando 46º presidente.

Comentarios