Sonámbulos

Algunhas leccións que deixa o calvario do valente Julian Assange é que os gobernos das grandes potencias occidentais, influenciadas nas súas máis transcendentais decisións polos intereses económicos de omnipotentes grupos financeiros, do complexo militar-industrial ou dos conglomerados da (des)información, levan mal que a cidadanía coñeza parte da trama de intereses e os responsables últimos dos enormes crimes contra a humanidade executados impunemente: a distancia sideral que existe entre os discursos habituais sobre "a democracia", as "liberdades" ou os "valores" que din defender fronte á praxe cotiá en medio planeta. Como se lexitiman ("case todas as guerras iniciadas nos últimos 50 anos foron resultado das mentiras nos medios") e cales son as motivacións ("o obxectivo é ter unha guerra interminable, non exitosa") da maioría de conflitos que implican as maiores atrocidades e inxustizas do noso tempo. Comprobámolo actualmente no caso do atroz exterminio palestino e tamén coas ineludibles responsabilidades da OTAN na xestación e mantemento dun multi-conflito dirimido até agora en Ucraína contra Rusia e, subsidiariamente, coas chamadas "economías emerxentes". 

Se facemos seguimento das accións e manifestacións públicas delirantes e, moitas veces, contraditorias dalgúns dos principais "líderes europeos" non podemos deixar de pensar na obra do historiador Christopher Clark Sonámbulos. Como Europa foi á guerra en 1914, na cal o autor narra, en múltiples niveis de análise e en base a unha inxente cantidade de fontes e documentación da época, a cadea de decisións que desembocaron naquela terrible contenda mundial. Ofrece un enfoque novidoso na comprensión do labirinto diplomático dos anos previos nos que potencias e poboacións camiñaban decididamente, e en aparente calma, á catástrofe. A escolla da rusófoba estoniana Kaja Kallas como responsable da diplomacia comunitaria, sucedendo ao ínclito xardineiro Borrell, é un vivo exemplo que ilustra ben esa 
cegueira colectiva.