Apoloxía de PorExemplo (I)

A esa cidade o que lle conviña era que se falase menos dela. Que o exceso de protagonismo –ela cre que merecido, outros disque non– parece como se fose matala de éxito. Aínda que éxito, o que se di éxito, non está moi claro que alcanzara.

Riste de min, Minga, por como o pronuncio e non por aquilo que podía darche motivo, non polo significado profundo do que digo e logo dis que non, que non, que non que?, ah!, négalo?, dis que non matizo, non matizamos, que non distinguimos porque somos pura superficialidade, todo o queremos ou branco ou negro, mentres os galegos sabedes separar moi ben todas as cores intermedias e non só grises, mais tamén o grisallo e o griseiro, cinsento, que raio!, todas as cores non sendo o branco puro, que non existe, que é simplificación nosa, dos porexemplares, como non existe o negro absoluto que para a física é imposíbel fóra do espazo infinito, isto é, fóra da terra, e da Terra, e de Galiza, e non o digo eu, que o mantés ti, non eu.

Con esas contradís aberta a eiva que nos achacas, a superficial superficie dos que non distinguimos nin matizamos cando me imputas que pronuncio me dighcrimináis en dialecto de PorEghemplo, e será, si, pronunciarei como dis sen sabelo, sen conciencia de facelo á poreghempleña, mais baixo ese pretexto, igual de superficial ca nós, non tomas o traballo de entrares na esencia do que dixen e analizala, que me discriminades os galegos porque veño de onde veño e a primeira en me discriminares es ti, ti, xustamente ti que nunca tes en conta o esforzo que veño facendo en falar galego, asimilar o conto ese dos pronomes cos directos indirectos antepostos pospostos do raio e mais os infinitivos conxugados reflexivos impersoais e quen sabe canta santa compaña máis das palabriñas cos beixos e os beizos e a leira na leria non, que era ao revés, avelaíña papoia bolboreta donicela garridiña, cuxo xato, vacaloura que é escornabois e tamén carroucho mais barbantesa galbana, lucecú vagalume corcoño, lontra, porco bravo xabaril…, e logo os fiúnchos?