Paisaxe de fondo ante as eleccións galegas

As eleccións galegas chegan nun novo panorama político. O goberno de centro-esquerda PSOE-UP iniciou a súa andaina en torno a un programa que no terreo económico vai ser obedente coas políticas neoliberais da Unión Europea, combinado con certas medidas progresistas que supoñen pequenas melloras en comparación cos anteriores gobernos do PP. Enfronte, unha dereita radicalizada onde Vox segue marcando a axenda mentras o PP segue tratando de reconfigurar e consolidar un novo bloque de dereitas.

Sen embargo, este interregno inestable está lonxe de resolver os problemas estruturais de Galiza. O fondo da crise sigue intacto. A recuperación económica foi leve e non resolveu cualitativamente os problemas da clase traballadora. É unha recuperación fráxil, que non reforzou as posicións das de abaixo ante a previsible nova crise, xa anunciada polas institucións internacionais.

 Asistimos á destrución imparable de postos de traballo nos sectores industriais, á precarización das nosas vidas, a depredación do noso territorio e a emigración constante da mocidade que non albisca un futuro. Todo isto combinado con ataques continuos aos dereitos das mulleres que tiveron a súa expresión máis recente no vergoñento peche do paridoiro de Verín. Este panorama é consecuencia da aplicación das políticas neoliberais do PP. Por iso, segue sendo necesaria unha alternativa, pensar colectivamente nun bloque político e social antagonista ao Réxime e aos poderes económicos que desterre estas políticas de raíz. Sen embargo, sendo sinceiras, o camiño a nivel institucional parece bloqueado.

O fracaso de En Marea aboca ao campo político xurdido deste espazo a ter como única perspectiva entrar subalternizados nun goberno cunha forza neoliberal coma o PSOE. As alianzas que xurdan nese espazo carecen de autocritica e dun balance honesto do fracaso destes anos. Sería preciso incorporar a novos axentes que non estiveron participando nos últimos tempos, así como unha nova estratexia de renovación organizativa. As ilusións de gañar deixaron paso a unha situación complicada que require un balance e unha política que vaian máis alá do institucional.

Para crebar os anos de hexemonía do PP e das súas prácticas non podemos limitarnos á xestión da súa herdanza. Para gobernar é preciso saber para que e como. Precisamos un programa de ruptura, que non se limite á xestión do sistema, senón que plantexe medidas de transición que exploren os límites do capitalismo con reformas estruturais fortes: renda básica galega, nacionalización de sectores estratéxicos que foron privatizados nos últimos 30 anos, creación dunha banca pública galega, creación dun sistema de socialización dos coidados, ou medidas de transición ecosocialista cara postos de traballo sostibles.

Ser perfectamente conscientes de que esta opción esta bloqueada agora mesmo no terreo electoral no significa renunciar a construila. Trátase agora mesmo de votar para botar a Feijóo, pero tamén de empezar a abordar tarefas de organización política e social para que exista un polo que aposte pola transformación radical da sociedade: manter viva esa voz, alimentala, que sexa influínte, é a tarefa fundamental do anticapitalismo no periodo que vén. Con moita paciencia, abertas á novidade, sen resignarnos nin conformarnos.

O pobo galego demostrou en numerosas ocasións que é capaz de erguerse e mobilizarse masivamente polos seus dereitos. O terreo do conflito segue vivo, desafiando o marco paralizante do conformismo. A manifestación da sanidade, a mobilización contra o peche do paridoiro de Verín, os sectores precarizados en loita  como o do telemarketing ou das enfermeiras eventuais, son unha mostra. Calquera espazo de ruptura que se reconstrúa en Galiza ten que aprender e alimentarse destas experiencias e das moitas que virán.

Paula Quinteiro (deputada do Grupo Común da Esquerda) e Xaquín Pastoriza (profesor de Historia).