Sindicatos máis representativos

Condición de sindicato "máis representativo" ten a CIG e os sindicatos vascos, mais non foron convidados ao "diálogo social" para a negociación da modificación da lexislación laboral -que non derrogación das reformas do PP-, quizais porque suporía unha  falta  de  unanimidade  lograda  entre  CEOE  e  sindicatos  estatais.  Quizais  porque xa era sabido que non se acadaría  ruptura  coa  contrarreforma  laboral  dos  anos  do  austeritarismo,  porque  os  novos fondos europeos manteñen como condición determinadas "reformas".

Pouco importan as conviccións e acordos ante os intereses de Estado.

Todos os grupos do Parlamento galego en 2016 aprobaron acordos sobre a necesidade de convocar unha negociación colectiva de ámbito galego para superar o horizonte da fenda salarial de xénero. Entendían  as  forzas  políticas  galegas  -entre elas a impulsora da iniciativa, En Marea, que, naquela altura incluía a hoxe ministra de Traballo- que a negociación colectiva debía contar con patronal e sindicatos "máis representativos" e que o marco galego de relacións laborais era fundamental.

Este  ámbito  galego  permite adecuar os ritmos da negociación colectiva ao pulso económico e social do país, evitando que as empresas galegas apliquen contención salarial á par que o resto do Estado, aínda que non acusen perdas económicas; sen contar que moitos convenios estatais son de mínimos e que a distancia do centro de negociación dificulta a participación activa e presión das traballadoras galegas.

O novo marco laboral -que se prevé saia adiante coa abstención do PP- non restaura os dereitos da clase traballadora e acentúa o "centralismo" nas relacións laborais.

A pretendida unanimidade dos axentes  sociais  nesta  reforma  do  mercado  laboral vénse abaixo coa exclusión -deliberada- dos sindicatos coa condición legal de "máis representativos" na Galiza e en Euskadi; a contestación social e a garantía dun arco parlamentar con maioría progresista na seguinte lexislatura tamén estará nestas nacións sen Estado.