Colonialismo

Os/as militantes do nacionalismo-popular galego nos anos 60, 70 e 80 tivemos como eixo da nosa loita combater as causas do empobrecemento da Galiza que fixeron dos e das galegas emigrantes durante séculos. Emigración que, con diferenzas, é unha saída aínda hoxe para a xente moza e preparada. Nos primeiros tempos da UPG e AN-PG a loita ideolóxica formou parte intrínseca da actividade política e sindical. Loitar contra explotación colonial da nosa terra a través da autoorganización de todos os sectores foi obxectivo prioritario. Sendo positivos, houbo éxitos na construción dunha alternativa que defendese as clases populares galegas e os seus sectores produtivos. 

As circunstancias parecen cambiar coa entrada na Unión Europea, mais é a unión dos monopolios capitalistas. Comprobamos hoxe o papel reservado a Galiza como subministradora de riqueza para os grandes capitais. A contribución das organizacións españolas a este espolio non variou. Comprobamos o que está a suceder co noso mar e rías ameazadas polas enerxéticas, disfrazadas de sostibilidade e economía circular. Até Ence, en Pontevedra, centrada na fabricación de celulosa dende 1958, actualmente transfórmase e converte a súa economía dende a evolución e creación de biomasa en electricidade, ampliando o 
seu negocio. 

Agora temos o proxecto Altri, unha celulosa dez veces maior que Ence no corazón da Galiza desenvolvida industrialmente dende sectores do campo, que ameaza o abastecemento de auga de once concellos co uso de 46 millóns de litros de auga ao día e que supón a contaminación do río Ulla pola incapacidade do propio río para depurar os residuos. Estas augas "recicladas" van ser deitadas na ría de Arousa, unha das produtoras de marisco. Suporá, a maiores, unha nova eucaliptización, pois precisa 4.000 ha de 
eucaliptos ao ano. 

O mar e a pesca de proximidade e media altura están moi ameazados pola eólica mariña. Burela, Muros, Boiro e A Guarda así como A Coruña, Ferrol e Cedeira ven perigar a súa economía e modo de vida desenvolvido porque non se contempla na nova Lei da Pesca como actividade prioritaria na Galiza. 

Unha esperanza: as listas para as europeas levan grandes defensores do mar e da nosa riqueza.