Dubidosa convivencia

No verán hai unha convivencia estraña entre o perigo dunha situación política incerta, inxusta, na que están presentes as guerras nas que se disputan a hexemonía os grandes poderes económicos, políticos, liderados nestes tempos entre os Estados Unidos (EUA) e a Federación Rusa. A invasión e xenocidio de Gaza e Cisxordania exterminando o pobo palestino polo goberno nazi de Netanyahu. O incremento da inmigración na que moitos e moitas son menores, coa incapacidade do Goberno para resolver os problemas que achega e cunha dereita xenófoba e cruel, sen límite nas acusacións gratuítas contra quen busca mellor vida ou simplemente vivir. Os problema dunha América central e do sur no que Venezuela é o centro da confrontación entre países gobernados pola esquerda, Brasil, Colombia, México e a fronte dirixida polos EUA. A pequena esperanza internacional vén sendo a retirada de Biden e a substitución por Kamala Harris, muller, filla de inmigrantes, negra e demócrata; pois guste ou non, o poderío dos EUA gobernado polo corrupto e ultradereitoso Trump incrementa a inseguridade mundial.

Mais vivimos na Galiza. É verán e tempo de lecer. Galiza é unha terra festeira na que os políticos da dereita, sobre todo, multiplican irracionalmente festas nas que a comida, as bombas e orquestras son ingrediente principal. Imprescindíbel, así mesmo, o compoñente relixioso. A risco de ser criticada, como fun en ocasións en Pontevedra representando BN-PG, quero lembrar que a Constitución española é laica. O artigo 16 sobre Liberdade Ideolóxica e Relixiosa di no punto 16.3: "Ningunha confesión terá carácter estatal". Significa que como representante político dunha institución non se pode acudir a actos relixiosos. Podes asistir a nivel individual. O BNG cumpre. Sobran comentarios para ver como educamos a cidadanía.

O verán, tamén para nós, galegos e galegas, é o tempo de Memoria Histórica. Lembramos as nosas xentes represaliadas e mesmo asasinadas na defensa das ideas que seguimos a defender: Bóveda, Moncho Reboiras, Casal…

A nova xeración nacionalista é o futuro da nosa nación. Unha xeración formada no nacionalismo liberador que deron mostra da súa capacidade de organizar e implicar ao pobo galego. Ana Pontón, Ana Miranda, María Obelleiro, Goretti Sanmartín. Mulleres e mozos que gobernan a nosa patria son a esperanza da nación espoliada secularmente que berra: "Esperta do teu sono Fogar de Breogán".