Eleccións europeas

Estamos diante dunhas novas eleccións ao Parlamento da UE, importantes polo control económico e político que exerce o capital monopolista. Este poder non precisa o dominio político directo sobre as nacións membros porque existen institucións supranacionais que controlan a dependencia financeira destas nacións: Fondo Monetario Internacional (FMI), Banco Mundial (BM), Banco Central Europeo (BCE), o Executivo comunitario: Comisión e Consello, a OTAN… Hoxe, ademais, hai unha gran dependencia tecnolóxica e de empresas multinacionais que aumentan o seu dominio. Mais, necesitan contar con clases dirixentes autóctonas que defendan a orde estabelecida, asuman a lingua e cultura dos imperialistas, dos poderosos e combatan as forzas ou organizacións que defendan a soberanía dos pobos. 

A UE, está composta hoxe por 27 países (448 millóns de persoas). En 1993 transfórmase nunha comunidade política democrática e de dereito para a gobernanza e integración dos Estados e nacións de Europa e para a defensa de valores como liberdade, igualdade, democracia, desenvolvemento sostíbel; defensa dos dereitos fundamentais, respecto ao dereito internacional para conseguir estabilidade e paz. Na práctica, as grandes potencias e o capital monopolista  protagonizan cada día a política da UE e impoñen unha política económica armamentística, un control tecnolóxico asfixiante e unha falsa sostibilidade que no caso galego trata de levar por diante o desenvolvemento autenticamente sostíbel, implantando baixo presión das enerxéticas dende unha macrocelulosa Altri até unha eólica terrestre e mariña nas comarcas protexidas ou en zonas marítimas (184) con importantes caladoiros para a frota galega. O gran problema é que a política espoliadora colonial aplícana tanto a Xunta como os Ministerios de Transición Ecolóxica e Agricultura, Pesca e Alimentación. 

As normas da UE vinculan e obrigan o Estado español a respectar os valores proclamados. Deberían protexer na Galiza o mundo rural e sectores como os da pesca, marisqueo e acuicultura, estratéxicos na nosa terra fronte aos intereses das grandes empresas.

As eleccións na UE son unha oportunidade para que os e as que defenden a soberanía da Galiza loiten contra o espolio.