Formas diferentes de patriotismo

O 25 de xullo, festa de Sant-Iago, é o Día da Patria Galega. Debemos lembrar que é resultado do esforzo colectivo, das Irmandades da Fala, do Partido Galeguista e do patriota Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, quen o 25 de xullo de 1948 nas Xornadas Galegas, organizadas polo Centro Galego do Bos Aires, no Teatro Arxentino, como presidente do Consello de Galiza pronuncia o seu último discurso. É unha gran lección para nacionalistas de todos os tempos: Alba de Groria, un guieiro mesmo ideolóxico. Parte da imaxe da Santa Compaña de inmortais galegos, 74 persoeiros. Con todo, salienta “a forza máxica da tradición”, como cerna da nosa identidade como nación, como pobo.

Este discurso de Castelao comeza coa descrición xeográfica da terra, dende Lugo até Santa Tegra e Portugal. Os asistentes galegos e galegas da emigración e do exilio conmemoraban o Día de Galiza, ían escoitar “Alocución Patriótica de Castelao”, tal como recolle A Nosa Terra en 1948.

Castelao reivindica a tradición e di “vemos xurdir do humus da terra nai… unha moitedume infinida de luciñas, que son os seres innominados que ninguén recorda xa, e que xuntos forman o substractum insobornable da nosa patria… Eles crearon o idioma, a cultura, a arte, a sabiduría, os usos e costumes; en fin, o feito diferencial de Galiza… esas luciñas son o pobo que nunca nos traicionou, son a tradición. Representan o que fomos, o que somos e o que seremos sempre”.

A escuadra española “La Roja” gañou a Eurocopa. A utilización política do deporte quedou patente. Unha selección na que destacaron Nico Willians de ascendencia ghanesa e Lamine Yamal, de pai marroquí e nai ecuatoguineana. Os medios de comunicación foron os colaboradores necesarios desta exaltación patriótica española. Ningún acontecemento tivo o protagonismo e o eco dos partidos de “La Roja” e do triunfo final.

A utilización polo poder das emocións, canto máis irracionais mellor, é un vello medio de control social. O fútbol ten esa “virtude”. Razón pola que de ningún xeito permiten unha selección galega en calquera deporte galego. Unha excepción son as Gaélico Escolas, que compiten oficial e internacionalmente e que cada día medra a súa infuencia entre a xente nova.

Retornando a Castelao repetimos as súas palabras “Hoxe é o Día de Galiza, é o Día da Patria Galega. O día da esperanza”.

Este é o noso día. 25 de xullo, día de celebración.