Impunidade política

As políticas e políticos son servidores públicos. Reflexo dunha sociedade, terían que actuar segundo a súa función como membros activos elixidos pola sociedade á que se deben.

A imaxe dun Netanyahu soberbio, cruel, representante do holocausto palestino, apoiado polos EUA e a UE, bombardeando as zonas sinaladas como refuxio por eles mesmos, arrasando os campamentos de refuxiados, semella un xenocidio programado sen que a súa barbarie teña consecuencias. Os israelitas só protestan pola falla de negociación para liberar seus reféns. Fronte ao masacre do pobo palestino: nenos e nenas, mulleres...  Impunidade total.

Na Galiza un presidente segundón do seu xefe político, Rueda, atrévese a mostrar o seu descaro opoñéndose a un estudo científico sobre a implantación dunha macrocelulosa no corazón verde da nosa terra "sen lelo", nas súas palabras. A maiores, négase a negociar o financiamento da Galiza co goberno central. Impunidade.

Núñez Feijóo privatizou, arrogante, gran parte dos servizos da sanidade pública. 55 millóns para externalizar servizos que realizados polo persoal do Sergas serían a custo cero (Martín García, Nós Diario). Con grandes beneficios para a súa familia: 34 millóns a Eulen, empresa dirixida pola sua irmá. A impunidade protexe estas actuacións nas que o poder xudicial debería intervir. O PP coñece ben o control xudicial. As alianzas cos medios de comunicación subvencionados son garantía, aval da súa manipulación informativa.

A campaña de PP e VOX contra os inmigrantes, contra nenos e nenas sen apoio familiar, é o espello cruel dunha sociedade que se cre superior por raza, cultura e relixión. Contan coa impunidade nas súas falsas acusacións.

O PP é prototipo de arrogancia política e impunidade fronte á lei.

Fronte á política xenófoba e prepotente, creadora de alarma social, está a solidariedade das boas xentes e dos bos políticos, do nacionalismo liberador. Declaracións de alcaldes como o de Mondariz-Balneario, que recibe 200 inmigrantes cunha poboación de 700 persoas é todo un exemplo: "Vívese a súa chegada con toda normalidade". O de Ribeira de Piquín (Meira) ou o de Monterroso, na Ulloa, desconfiado ó principio, representan unha veciñanza solidaria e acolledora que respecta o seu status de refuxiados. Só desexan vivir, traballar, manter as súas familias.

A impunidade é sinal de descontrol político e xurídico nun Estado de dereito.