Inmigración

Falar hoxe de democracia parece falar doutro tempo. A democracia pode significar  capacidade individual ou colectiva de sermos soberanos. Ter capacidade de autodeterminarse, de elixir e gobernarse. Mais a democracia nun mundo globalizado, controlado polos grandes grupos capitalistas, está obrigada á coexistencia cos populismos  cunha linguaxe belicista, con representantes mesiánicos que proclaman ideas categóricas, con dogmatismo. Teatralizando a súa política contra a igualdade e a liberdade.

A perda de confianza da cidadanía na política democrática é consecuencia das promesas incumpridas, dos enganos e a vulneración das leis e acordos. En fronte están os  mesiánicos da dereita, como modelo até ético, que pretende ser referente dos "ben pensantes". Dos do "sentidiño", di Rueda.

Ultimamente, en Europa, no Estado e nas autonomías, o tema estrela da dereita é ir contra os inmigrantes. K. Starmer, novo primeiro ministro laborista do Reino Unido, deu unha lección: rematou coa vergoñenta e cruel medida contra inmigrantes, medida imposta por un fillo de indios, R. Sunak, primeiro ministro sentado en Downing Street e que acordou deportar inmigrantes a Ruanda. Plan que K. Starmer dá por "morto e enterrado", por ser un plan sen eficacia.

Galegos e galegas fomos e somos un pobo de emigración secular. Por ser terra colonizada, non pobre, senón empobrecida pola espoliación da súa riqueza. O noso pobo buscou vida fóra da terra, primeiro nas Américas e logo da II Guerra Mundial, pola falta de man de obra barata, a Europa: Francia, Suíza, Alemaña... Coidado coa xenofobia, nós non podemos ser racistas.

Núñez Feixoo debátese entre o seguidismo racista e xenófobo do mesianismo de Vox e a petición do presidente das Canarias, do PP, de repartir meniños e meniñas inmigrantes, sen familia, polo Estado. Rueda fala de controlar a "avalancha".

O pasado domingo tivo ligar o XVI Congreso da Unión do Povo Galego (UPG), partido promotor e integrante da fronte nacionalista BNG. A política nacionalista do BNG e da UPG é exemplo de política real. Dá resposta aos problemas da cidadanía galega dende unha ideoloxía socialista, nacionalista e antiimperialista que nace das necesidades que ten o noso pobo. Dando alternativas que aproveiten as enormes potencialidades da Galiza, non apostando polo márketing electoral. Cómpre buscar solucións para unha mellor vida dos que viven e dos que queren vivir e traballar na Galiza.