346 galegos finaron en 2023 sen recibir a prestación domiciliaria

Os incapacitados que precisamos atención domiciliaria estamos totalmente desprotexidos polo sistema. 346 persoas morreron no 2023 esperando a axuda do SAF.

Galiza é a nación do Estado español donde máis medrou a demora pola atención á dependencia. A axuda a dependencia na Galiza é un desastre, vai á cabeza do Estado en atrasos. O feito de que as axudas estén maioritariamente privatizadas, tanto a axuda no fogar coma as residencias, fai que a dependencia se convertese nun negocio en lugar de nun servizo, e iso é moi prexudicial para os usuarios.

Xa teño dito que a min, por circunstancias, tocoume estar dous anos en DomusVi San Lázaro, e a vida dentro desta residencia non era mala. O problema eran os cartos, eu pagaba 2.300 euros ao mes que non podería pagalos sen a axuda da miña nai.

Temos que ir a un sistema público onde as persoas que o precisemos paguemos segundo sexan as nosas pensións. Non pode ser que os prezos sexan máis altos que as nosas pensións e teñamos que recurrir á axuda dun familiar.

Os dependentes somos nós e non a nosa familia, así que hai que mirar se os recursos propios chegan ou non para podermos pagar unha residencia preto do noso domicilio. E o mesmo serve para o SAF.

Por un sistema público de axuda á dependencia!